Rueda ve unha “recompensa” no aumento en votos do PP nas eleccións galegas

En primeiro termo, Prado, Menor e Rueda, onte.
photo_camera En primeiro termo, Prado, Menor e Rueda, onte.
O líder dos populares galegos acudiu á Xunta Xestora Provincial do partido xunto a Luis Menor

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, destacou o “intenso traballo” da formación na provincia, vencellándoo co incremento no número de votos acadado nas eleccións autonómicas do pasado domingo. Fíxoo onte na Xunta Xestora Provincial do PP, á que acudiu xunta o lider provincial da formación, Luis Menor, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.

Foi una reunión de análise, onde os populares celebraron a suba de apoios, remarcando o aumento en Verín -máis do 10%- e as elevadas porcentaxes de voto na ducia de concellos onde se superou o 70%. No caso de Quintela de Leirado, os populares chegaron ó 90%.

O líder do PPdeG afirmou que o 18 de febreiro “Galicia rexeitou unha forma de facer política baseada na chantaxe e nos privilexios”. No seu lugar apostou “pola responsabilidade, o sentidiño e a superación”. Os resultados, comentou, “son o mellor impulso para continuar co traballo”.

Para o presidente provincial dos populares, Luis Menor, ó triunfo popular nos comicios autonómicos non lle falta mérito no contexto provincial. “Na provincia de Ourense tivemos que enfrontarnos a unhas siglas máis”, lembrou sobre a concorrencia de Democracia Ourensana ás eleccións. Malia obteren un escano, non conseguiron ser chave para formar goberno, engadiu: “O único deputado que conseguiron déixaos na maior irrelevancia política no Parlamento”.

Con todo, Rueda comentara antes de entrar á Xunta Xestora que gobernará “para todos”. 

"Consejos con do"

Tamén mostrou o seu “respecto” a DO e prometeu buscar “consensos” en asuntos relacionados coa provincia de Ourense. “Por tentalo non será. A outra parte terá que decidir que papel quere xogar unha vez que está claro que decisivo non vai ser”, manifestou tras matizar que buscará o apoio de “todo o mundo”. Rueda agradeceu a Menor o liderado na transición trala marcha do seu predecesor, Manuel Baltar. Precisamente, Menor insistiu en que os bos resultados do PP “non son froito da casualidade” e prometeu “cumprir coa palabra dada” ós veciños. O PPdeOu obtivo 8 de 14 deputados nas eleccións. Así e todo, o reconto do voto exterior podería pór en risco o seu oitavo asento na provincia en favor do PSdeG.

Te puede interesar