ENTREVISTA | VIDA

Sarabela Teatro, premio a unha brillante traxectoria

20170120224104625_result
photo_camera Sarabela Teatro

Mañá, luns, recolle o Premio da Cultura Galega 2016 en Artes Escénicas que fallou a Xunta de Galicia o pasado mes de setembro

Sarabela Teatro suma un novo galardón a súa recoñecida traxectoria. Mañá, luns, recolle o Premio da Cultura Galega 2016 en Artes Escénicas que fallou a Xunta de Galicia o pasado mes de setembro. Un premio que non fai máis que reafirmar a brillante traxectoria dunha formación que sente a paixón do teatro e así o fai chegar, cativando tanto a nenos como a maiores con cada nova obra. Alén da escea propiamente dita, tras Sarabela Teatro tamén se agochan os responsables de cada nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu), a Mostra de Teatro Infantil (Moti) e do Festival Internacional de Teatro de Ourense (Fito), tres eventos nos que se dan cita, ademais de compañías galegas, formacións nacionais e internacionais e que gozan do recoñecemento do público.

De pregunta case obrigada, aínda que supoño que repititiva, que supón este galardón na traxectoria de Sarabela máis alá dos premios obtidos polas súas obras?
É un estímulo para seguir. É un momento para lembrar, tamén a aqueles que nos deixaron polo camiño, especialmente a Suso Díaz, Begoña Muñoz e Carlos Couceiro. Un premio á traxectoria tamén nos leva a decatarnos dos anos que levamos facendo teatro.

Como grupo de teatro, seguides algunha filosofía á hora de presentar unha obra ao público, tanto á hora de elixir unha peza como ao dirixila? 
A do interese que pode espertar. O intento de ser testemuñas do momento actual. A procura da catarse.

Considera necesario arriscar e innovar máis alá dos clásicos para achegarse máis e a máis  público?
Os clásicos forman parte da nosa vida. O teatro é presente, é re-presentar. Se afrontamos un clásico é cunha lectura actualizada, e calquera outro autor ou autora tamén debe reunir o requisito de ir cos tempos.

Nestes tempos, como ve a situación actual do teatro?
Moi complicada. É certo que o teatro non é que estea en crise, senón que é crise, pero as condicións para desenvolver o traballo hoxe en día son difíciles. Obviamente estamos inmersos na sociedade e imos da man dela. Porén, non deixa de sorprender que haxa quen cuestione as axudas ao teatro, á cultura en xeral, e que asuma as axudas a bancos ou autoestradas. 

Alén da posta en escea de obras teatrais, tamén está na vosa man a Miteu, o Fito e a Moti, tres mostras de teatro que, a pesares dos tempos e das dificultades logran sacar a frote cada ano. Supoño que farán malabares para que todo o público poida desfrutar delas... que supón para vós organizalos?
Moito tempo, moito esforzo, moitos cuestionamentos, moitas reunións, moitos números, moitas chamadas, moitos correos, moitos quilómetros, moitas frustracións, moito insomnio... Pero seguimos con moita ilusión. Cando empeza un espectáculo e hai público, todo o anterior pasa a un segundo plano.

A Biblioteca Púbica, centrándose en actividades semanais para os cativos, e a xa mencionada Moti, son dous focos co público infantil como protagonista sobre os que Sarabela pon a súa atención para que dende cativos se mergullen no mundo do teatro. Como é actuar ante eles?
O público cativo é máis expresivo, cando lles gusta algo fano ver ao grande, con risos e repetindo os textos, e facendo preguntas en alto. Temos vocación docente e a pedagoxía teatral crea público. É importante crear novos públicos e é unha responsabilidade. Desde hai moito tempo Sarabela alterna os espectáculo para adultos cos espectáculos para cativas e cativos.

Botando a vista atrás, como ten sido a evolución de Sarabela? Que recordos garda dos seus comezos? 
Lembramos actuar sobre mesas, ter que ouriñar nun cubo por falta de baños, transportar a escenografía nun camión de peixe e o cheiro que impregnou ás nosas cousas, ensaiar nun almacén de patacas ou nunha fábrica de mobles... e lembramos a ilusión desa época e como había tempo para crear e para ensaiar a outros ritmos.

Algunha obra que recorde con especial cariño?
Son moitas, e queridas. Por lembrar: "A Esmorga", "Tics", "Así que pasen 5 anos", "O lapis do carpinteiro"...

Volvendo a actualidade, a sátira cómica “Normas para saber vivir na sociedade actual" é a súa última montaxe, como está sendo a acollida?
É unha obra de comunión co espectador. A enerxía que se precisa, a música en directo, a precisión de movementos que esixe... O riso a carón da crítica está formando un tandem que está a ser moi ben acollido.

Xa para rematar, que obxetivos a curto prazo se marca Sarabela?
Poder seguir traballando.

Te puede interesar