Seara mira a Pontevedra como un “referente en mobilidade”

 Miguel Anxo Lores aconsella ao candidato do BNG: “Nós puxemos peóns e quitamos semáforos”

O candidato do BNG na cidade, Luis Seara, aproveitou onte o inicio da Semana da Mobilidade para presumir de políticas nacionalistas, cunha xornada para compartir experiencias cun referente, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra. “Non queremos ‘pontevedrizar’ Ourense, pero si queremos aspirar a ser unha referencia en mobilidade coma eles”, manifestou Seara, que fixo un ‘tour’ polo Casco Vello co rexedor pontevedrés. “Ourense e Pontevedra son realidades distintas, pero queremos aprender deles, son referencia internacional. E temos un fantástico instrumento que contén moitas das medidas a implementar como é o Plan de Mobilidade”. Nese senso, o candidato deixou claro que un dos pivotes do seu programa será ”facer unha cidade para as persoas”. 

Lores subliñou que “Ourense ten un potencial enorme e Seara e o seu equipo teñen o que fai falla para liderar un proxecto transformador”. É máis, salientou que Ourense é unha cidade “compacta” onde as distancias son curtas, o que a fai ideal para un modelo amable cos peóns. Por iso, emprazou a Seara a ter “valentía política” ao chegar ao poder e non esperar “ao último ano de mandato”, recordando que os alcaldes “non temos que pedir permiso a ninguén” neste ámbito. “Nós peonalizamos o Casco Vello no primeiro mes, convertémonos na primeira cidade 30 de Europa e fomos os primeiros en tener zonas 10. Puxemos peóns e quitamos semáforos”. Recoñeceu que  agora case non hai contrarios: “Lembro un libreiro da Peregrina que me dixo que estaba dacordo coa peonalización, porque a el nunca lle entrara un coche comprar un libro. Cando os comercios triplicaron vendas acabaron os argumentos. Se Amancio Ortega, o que máis vende do mundo, monta as tendas sempre nunha rúa peonil e non nunha ronda de catro carrís por algo é”, engadiu.  

O pontevedrés dirixe unha urbe premiada a nivel internacional polo bo facer en materia de mobilidade desde hai hai 20 anos, cando eran ”un almacén de coches”. Segundo Lores,  eliminar vehículos non necesarios permitiulles pasar de 50.000 a 65.000 veciños no centro. “Agora os coches non pitan e antes habia 100.000 coches entrando cada día na cidade, cando sóhabía 15.000 prazas para aparcar. Os outros 85.000 estaban buscando aparcamento como un gilipollas. Había un Seat 127 que pasaba diante do Concello cada cuarto de hora buscando sitio, contaminando e cabreado. Iso era a Pontevedra de antes”. 

Estas medidas converteron as rúas en espacios de “cohesión social”  e que se acompaña con “máis de 1.000 eventos” nas rúas. “Dous coches que se cruzan non fan cohesión social, pero as persoas, si. A soidade mata xente, inda que sexa un barrio rico”. Por último, destacou que a cidade leva 11 anos sen ningún atropelo mortal, “algo que non pode dicir ningúen en Europa”.

Te puede interesar