A Semana das Letras Galegas chega ás escolas

Baltar e Pacheco (na pantalla), durante a presentación.
photo_camera Baltar e Pacheco (na pantalla), durante a presentación.
O legado de Nós ocupa un papel clave nas celebracións deste ano 

Preto de 8.000 alumnos e docentes da provincia participarán ata o vindeiro venres na sétima Semana Escolar das Letras Galegas, iniciativa na que se inscriben os actos organizados pola Deputación de Ourense para conmemorar os cen anos da aparición da revista Nós. 

Este aniversario cumpriuse no 2020, pero a súa celebración acada a continuidade este ano como consecuencia da pandemia. Inscribíronse na iniciativa 59 centros de Educación Secundaria. Nestas escolas, serán 78 docentes os encargados de dirixir as actividades, deseñadas para 7.678 alumnos. 

Libro ilustrado

Para acompañar a conmemoración, editouse un libro ilustrado baixo o título “Ao redor da Xeración Nós. Catro ourensáns e un rianxeiro”, escrito pola autora Mercedes Pacheco, quen empregou “unha linguaxe e criterios axeitados para o alumnado da ESO”, salientan desde a Deputación.

Esta publicación foi presentada onte por videoconferencia coa participación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e a autora do texto.  Entre outras iniciativas, Pacheco xa creara para a edición de 2018 o manual “Ben-Cho-Shey e a súa xeración”, sendo este o autor sobre o que xirara a Semana Escolar das Letras Galegas durante aquel ano na provincia. 

O volume actual recolle unha ampla visión do que foi o movemento Nós no contexto do seu tempo, incluíndo unha descrición da Galicia de principios do século XX e as biografías dos seus persoeiros. Ademais, levouse a cabo unha análise da traxectoria da revista Nós, acompañada dunha recolleita doutros movementos e personaxes que seguiron os seus pasos.

Te puede interesar