Ser boa xente si que ten a súa recompensa

O Kiosko Ely pechou onte co agarimo dos seus clientes.
photo_camera O Kiosko Ely pechou onte co agarimo dos seus clientes.

Os clientes do Kiosko Ely quixeron onte acudir ao establecemento para acompañar a Rosa e Javier no difícil momento de ter que pechar o negocio no que traballaron toda a súa vida. A emoción invadiu un local cheo de flores, bombones e ata música.

Emoción, bágoas, risas, suspiros, flores, prantos, uns chopos de viño, e ao final, mesmo, unhas saudosas notas de acordeón, puxeron a guinda ao peche do Kiosko Ely en Samuel Eiján. Poucas veces vese como se viu onte plasmado en recompensa espontánea o feito de ser boa xente. E é que Rosa e Javier sempre o foron e así atenderon a uns clientes que se contaban por amigos

E se, onte día 30, os veciños da rúa, emocionados, fóronse xuntando ao redor do peche anunciado, sobre a unha da tarde, para fundirse en abrazos con Javier e Rosa e darse de bruzos coa realidade de que mañá, hoxe xa, non poderemos comprar alí o xornal nunca máis. 

E é que algún aínda pensaba que fora a inocentada de La Región do día 28 pasado. En fin, tantos foron os ramos e as plantas que lles regalaron, que  Rosa chanceaba con poñer unha florería. Un acto entrañable e popular para que poidan baixar a persiana orgullosos e sabéndose moi queridos. Pouco máis se pode pedir. Unha feliz xubilación, pois o agarimo da rúa, ben claro quedou que xa o teñen.

Te puede interesar