entrevista - música

Sés: "O fin da miña música é a miña música, non busco ser ‘cool' ou guai"

María Xosé Silvar, "Sés".
photo_camera María Xosé Silvar, "Sés".

Con seis discos no mercado, a compositora non tatexa ao dicir que se un día non lle vai ben na música, buscará outro traballo: "Tiven moitos curros, non se me caen os aneis por facer outra cousa". Este sábado presenta en Ourense o seu novo traballo

María Xosé Silvar, "Sés", asegura que é máis intensa do que lle gustaría. O seu discurso reivindicativo do diferente e do minoritario levanta polémica, pero recoñece que é a súa postura dende ben pequena. "Miña nai dicíame que era a avogada das causas perdidas", comenta. Con seis discos no mercado, a compositora non tatexa ao dicir que se un día non lle vai ben na música, buscará outro traballo: "Tiven moitos curros, non se me caen os aneis por facer outra cousa". Este sábado presenta en Ourense o seu novo traballo. 

Os seus primeiros pasos na música chegaron ao gañar un concurso de maquetas. Esperaba vivir disto?

Nunca pensei iso, nin pensalo. Non é o que eu estudei, no que me preparei. Hai unha frase que di que as grandes decisións non as tomas ti, que te toman elas a ti, no meu caso foi así, totalmente. 

Pero bailaba e cantaba dende pequena.

Sempre estiven en escolas tradicionais, dende pequena, aínda que en Galicia non hai esa sensación de que iso sexa formación, polo noso auto odio. Para min, facer música en solitario foi un pouco a unión diso co meu consumo musical. As músicas folclóricas foron as que máis me chamaron sempre, incluída as norteamericanas, como o country, o blues...

Pregúntalle moito por que escolleu escribir en galego.

Xa non o respondo, porque ao final respostala non deixa de ser lexitimala e normalizala. Paréceme algo tan irrespetuoso que xa non a contesto, tanto para a miña lingua como para min. É certo que hai xéneros musicales que se infravalorizan, non somos os únicos. Por exemplo, o blues naceu de xente maltratada, e logo foi moi rentabilizada polas discográficas, pero na orixe foi de escravos. Cando dis blues ninguén se ri, pero cando dis jota aragonesa, a xente séguese a rir. 

É dificil manterse fiel a unha mesma nesta industria?

Non, se a túa fin é a túa música, non. Sempre digo que hai dous tipos de persoas, a xente que ten a música coma fin e a xente que ten a música coma medio. Eu téñoa como fin: o fin da miña música é a miña propia música, non busco ser "cool" nin guai. 

É un referente feminino pouco habitual.

O sistema patriarcal mantense por uns referentes feitos por eles, pero ao que elas tamén acceden. Se se quere pódese, aínda que vas a caer mal, non é gratis. A muller que quere ser libre ten que pagar un prezo.

Te puede interesar