Diarios do pasado

“Sicut cervus desiderat...”

Reforma do antigo Pazo episcopal despois da apertura da rúa do Bispo Carrascosa.
photo_camera Reforma do antigo Pazo episcopal despois da apertura da rúa do Bispo Carrascosa.

Coroando a porta do Cárcere de Coroa, na rúa do Bispo Carrascosa, localízase un chamativo escudo heráldico. Representa un cervo paseando entre ramallos e, ao seu redor, lese en latín “sicut cervus desiderat ad fontes aquae...” -”así como o cervo anhela as fontes de auga...”-, cita alusiva á escena exhibida no brasón. É un verso do arcaico salmo hebreo 42.2, atribuído aos fillos de Coré, texto que utilizou como lema o bispo Muñoz de la Cueva. O prelado ocupou a sé episcopal auriense entre 1717 e 1728.

Faleceu nese último ano cando caeu da cabalería mentres ía depositar unha ofrenda ao apóstolo en Santiago de Compostela. A mesma inscrición ostenta a labra heráldica que coroa a porta do Museo Arqueolóxico pola Praza Maior, tamén de Muñoz de la Cueva   

Ben saben que non adoito entrar en detalles ornamentais, caso dos escudos que agora lles presentei. Pero o bispo que mandou facelos, os dous xunto con outro máis pequeno e menos ornamentado que situou no lintel da porta do museo pola rúa Bispo Carrascosa, acometeu grandes reformas no pazo episcopal -lembren, o actual Museo Arqueolóxico- e no seu entorno.

Todas tiveron unha gran incidencia neste importante espazo do centro da cidade. En primeiro lugar porque, como xa saben, foi el quen en 1722 engrandeceu o templo de Santa María Nai, apegándoo e pechando o claustro do pazo episcopal. Cando se planificou a obra, xa existía unha escalinata que a comunicaba coa Praza Maior. Así o narra un documento do ano 1721 publicado por Marisol Cerdeira Dacasa: “Que las gradas que se demuestran en dicho plantado inmediatas a la puerta principal, no se han de levantar allí, sino en la escalera que sube desde la Plaza Mayor a la plazuela que se forma delante de la dicha iglesia...”. Ademais de Santa María Nai, que dende  entón se ergue inseparable desta emblemática paisaxe ourensá, Muñoz de la Cueva modificou intensamente o lugar, sobre todo desde o punto de vista urbanístico. Despois da sentencia do “preito do Curral do Bispo” que a cidade gañou ao bispado, a partires do século XVI púidose abrir unha rúa, a actual do Bispo Carrascosa, para comunicar os barrios norte e sur da cidade entre os actuais edificios do Concello e do Museo Arqueolóxico.

Na mesma rúa, de la Cueva constrúe e reforma parte do pazo episcopal para adaptalo ao novo viario. Edifica o Cárcere de Coroa en cuxo escudo, que antes citamos, aparece a data de 1719; coa creación da citada rúa do Bispo Carrascosa, delimitou a propiedade episcopal e construíu unha nova porta no que situou o pequeno brasón, tamén cun cervo, e a data de 1722. Finalmente, pecha un solar, antes sen obrar, en esquina coa Praza Maior para construír unha nova estancia, a que hoxe actuaría como acceso -cando por fin se inaugure- ao Museo Arqueolóxico dende esta praza principal. Sobre a súa porta situou o terceiro brasón, ao que tamén antes nos referimos e que loce a data de 1727. 

Evidentemente, os historiadores, entre eles os arqueólogos, tamén debemos de ter en conta as pegadas que deixaron nunha cidade episcopal como Ourense, as accións materiais -e como non, as urbanísticas-, dos seus bispos máis activos. Entre eles, o “almedinense” frei Juan Muñoz de la Cueva.

Te puede interesar