RECICLAXE

Sogama entrega 75 contenedores composteiros ao Concello de Ourense

Os veciños participantes na iniciativa recibiron o pasado 8 de febreiro, da man da compañía pública, un curso presencial de formación no que se lles explicou a dinámica a seguir con este proceso

 Un total de 75 vivendas unifamiliares da parroquia de Seixalbo, pertencente ao concello de Ourense, incorpóranse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama co obxectivo de contribuír á reciclaxe da materia orgánica en orixe e, desta forma, diminuír a xeración de refugallos nos fogares, cos conseguintes beneficios ambientais, económicos e sociais.

Neste sentido, cabe destacar que, desde a dimensión ambiental, ao pechar o ciclo de aproveitamento dos residuos orgánicos en orixe (que representan aproximadamente o 42% da composición global dunha bolsa de lixo tipo), redúcense as cantidades de lixo a depositar nos contedores verdes convencionais e, xa que logo, a frecuencia de recollida e transporte, minorando as emisións de CO2.

Desde a perspectiva económica, é preciso sinalar que, ao entregar menor cantidade residuos a Sogama, redúcese o importe da factura a pagar a esta empresa pública. E desde a social, porque se recupera unha práctica tradicional en Galicia, como é a segregación da fracción orgánica para  alimento do gando e/ou elaboración de compost, á vez que se diminúen os desprazamentos a realizar polos cidadáns do rural aos contedores situados nas vías públicas, toda vez que, ao xestionar os restos orgánicos nos seus propios domicilios, outros materiais como o papel/cartón, vidro e envases lixeiros poden almacenarse varios días nas casas sen ocasionar malos cheiros.

Formación e seguemento: as claves do éxito
A fin de contribuír ao  éxito da iniciativa, os veciños participantes asistiron a un curso de formación presencial que se desenvolveu o pasado 8 de febreiro no propio centro cívico da parroquia de Seixalbo, estruturándoo en dúas sesións: 17:00 e 18:30 horas.

Técnicos ao servizo de Sogama foron os encargados de impartir a formación, explicando aos presentes os pasos a seguir para obter un compost de calidade que cumpra con todos os requisitos recollidos na normativa vixente e que poida ser aplicado na agricultura con absolutas garantías e sen restricións.

É por isto que se trasladaron as instrucións necesarias: desde a propia colocación do composteiro, que debe estar en contacto coa terra, ata os tipos de refugallos a introducir no mesmo, disposición dos materiais no recipiente, alternando fracción húmida e seca, descrición das etapas do proceso polo que atravesará a fermentación da materia orgánica, control de parámetros tales como a temperatura, a humidade e o osíxeno, erros máis comúns e formas de facer fronte aos mesmos, e aplicacións do compost resultante.

O curso constituíu unha magnífica oportunidade para que os asistentes puidesen compartir os seus comentarios e observacións, e consultar todas as dúbidas xurdidas en relación ao proxecto.

Adicionalmente, os usuarios dispoñen tamén de material didáctico e divulgativo de apoio. Trátase fundamentalmente de manuais de autocompostaxe nos que se describe a técnica e os pasos a seguir, dando resposta ás preguntas máis frecuentes e guiando así o labor dos usuarios para que esta resulte o máis frutífera posible.

Te puede interesar