Xosé Carlos Valcárcel: “Barbadás é o único Concello que bonifica o autobús a todos os veciños”

Entrevista en profundidade ao alcalde de Barbadás

Xosé Carlos Valcárcel Doval é o alcalde de Barbadás (PSOE) dende 2015 e aspira á reelección o vindeiro 28 de maio, cun eslogan moi presente durante todo o seu mandato: “Un Barbadás para querelo e para vivilo”.

Cal é o obxectivo que se marca para as eleccións?

Gañalas. Queremos consolidar a situación na que nos atopamos, superando os 7 concelleiros que temos actualmente. A maioría absoluta? Sería fantástico, pero son tempos difíciles. Fixemos un bo traballo para poder conseguila, pero tamén somos conscientes de que a veciñanza segue a ter carencias. Con todo, estas carencias veñen por unha falla de financiamento por parte da Deputación, que non reparte os seus fondos con xustiza. De repartirse estes fondos coma noutras deputacións, teríamos 400.000 euros adicionais por poboación.

Cales son as principais carencias das que fala?

Agora mesmo céntranse na infraestrutura do rural. Firme, asfaltado, iluminación… Temos presentado ante a Xunta o proxecto de ampliación do pavillón, que se nos quedou pequeno polo noso dinamismo poboacional. Hai un compromiso de Xunta e Deputación de cofinanciar esta actuación. Outro proxecto que queremos levar adiante é o transporte metropolitano, pero non está na nosa man.

É unha cuestión enquistada dende hai xa moitos anos e parece que segue sen remedio.

Si, pero quero destacar que Barbadás é o único concello da provincia que ten un bono transporte para os seus veciños. A Xunta, que é quen xestiona o servizo, fixa o prezo en 1,35 e este bono municipal ten un desconto xeral dun 37%, quedando en 0,85 euros a viaxe. Para estudantes hai unha bonificación do 55%, quedando en 60 céntimos; aos pensionistas bonifícaselles o 48% da viaxe, resultando en 0,70 e para persoas en situación de risco as viaxes son completamente gratuítas.

Comentou que queren poñer énfase no desenvolvemento rural. Hai algún plan específico para atraer poboación ás aldeas?

Ás aldeas de Barbadás xa está chegando xente agora. Hoxe temos un museo da música, Casa da Cultura, Policía Local e Protección Civil… Proxectos? As taxas coma o IBI ou o imposto de vehículos están nos mínimos que nos permite a lei. Cando entramos no goberno, rebaixamos os valores catastrais. O exemplo do IBI: xa estaba no importe mínimo, pero ademais, reducimos eses valores catastrais todo o que puidemos. Por iso deixamos de ingresar 400.000 euros anuais. Outro exemplo, o meu coche paga 35 euros ao ano de imposto de circulación. Para nós, dinamizar o rural é reacondicionar as aldeas para facelas máis habitables, como fixemos en Sobrado do Bispo, Piñor ou Bentraces. E outra cuestión é apostar pola recuperación da cultura tradicional, como estamos a facer apoiando ás asociacións que desenvolven estas iniciativas. 

Estes baixos prezos son un dos seus buques insignia?

Dende logo. Todas as actividades culturais son de balde, e programamos todas as semanas. O abono da piscina para toda a temporada vale seis euros. Temos un servizo de atención temperá que custa un euro diario. Acabamos de estrear a casa da mocidade, cunha asistencia de preto de 40 rapaces. Temos un CIMM que funciona moi ben, escolas deportivas, escola de música con preto de 200 rapaces a cun custo moi baixo.  Creo que somos moi competitivos.

Tamén están a desenvolver un proxecto para dotar ao concello de chan industrial.

Cremos que Barbadás ten o suficiente tecido empresarial, industrial e comercial para ter un polígono. Reunímonos con David Regades e temos o seu informe. Agora temos que contratar a unha empresa para que faga un estudo de necesidade e remitirllo á Xunta, que será quen tome a decisión final. Temos unha gran vantaxe coa pouca distancia á cidade e o noso dinamismo poboacional.

Outros proxectos que poida adiantar?

Dous. Un está relacionado coa zona do Pisco, un entorno natural que recibirá preto de 400.000 euros de inversión. E outro, en colaboración con San Cibrao e A Merca, no que tratamos de recuperar a saúde dos nosos ríos e poñelos a disposición como espazos lúdicos. Ademais, falei estes días co ministro Iceta para desenvolver un proxecto centrado na escritora Carmen Martín Gaite de máis de dous millóns de euros. Por último, aínda que sexamos un dos concellos da provincia con menor nivel de delincuencia, gustaríanos ter un posto integral da Guardia Civil, incluso sendo integral, podendo chegar ata os 40 efectivos en Barbadás. A implantación sería a curto prazo, pero esta ampliación sería xa máis a medio prazo.

Te puede interesar