SALUSTIANO MATO Candidato a rector da Universidade de Vigo

‘Soño cunha Universidade cercana á xente, capaz de ser un motor económico e social’

O candidato a rector de Vigo, Salustiano Mato.
O candidato a rector da Universidade de Vigo polo grupo Alternativa Universitaria Salustiano Mato asegura que a política de financiamento do Campus ourensán debe estar baseada no cumprimento das metas de cada centro e comprométese a ‘reclamar maior financiamento á Xunta no futuro’. Competirá con Jaime Cabeza polo cargo, despois de que Alberto Gago confirmase que non opta á reelección.
Que significa para vostede ser o candidato a rector do grupo Alternativa?

Un desafío persoal, que cobra mais relevancia na complicada situación económica actual, que supón unha culminación á miña experiencia como xestor universitario.

Durante a súa presentación prometeu unha política de financiamento baseada no cumprimento das metas de cada centro. Que é exactamente esa proposta?

O sistema universitario galego debe ser único, público, forte, cooperativo e equilibrado. Para elo e necesario establecer un plano de financiamento que se alimente dun modelo onde o goberno estableza o papel que as universidades deben desenvolver. Aposto por un modelo que nos permita converxer coa media española e europea en termos da porcentaxe sobre o PIB. Os aspectos financiables deben ser cinco: Fondo Estructural, unha cobertura do gasto ordinario que permita que as universidades poidan funcionar. Contrato-programa por obxectivos, no que se especifiquen os fitos que cada universidade debe acadar no período de vixencia do plan. Fondo Incentivador, como premio ós resultados acadados en función de indicadores que midan a fortaleza das universidades no campo da docencia e a investigación. Fondo de Infraestructuras, vencelladas á planificación estratéxica das universidades, e un último capítulo no que se contemplen as necesidades das universidades para adaptarse ó Espazo Europeo.

Cal é a súa opinión sobre a xestión do actual rector, Alberto Gago, nos últimos anos?

Gago realizou unha xestión eficiente nun momento crítico para a nosa universidade, que nestes anos sufriu transformacións froito da adaptación ao Espazo Europeo. Por iso valoro positivamente a súa xestión.

Coa reducción do orzamento para 2010, equivalente a un 25% menos que o ano pasado, será imposíbel continuar a implantación de novas infraestructuras en Ourense como o novo edificio administrativo ou o proxecto de ordenación das dúas partes do Campus?

As infraestructuras son importantes na medida en que facilitan o traballo dos nosos profesores, investigadores, estudantes e profesionais da administración, polo que son importantes. Polo tanto, en paralelo a reclamar maior financiamento á Xunta no futuro, temos que explorar outras vías para acometer estes retos. A calidade académica está garantida na medida que os recortes non afecten ó capital humano.

Cales características debe ter o novo mapa de 2010-2015 de financiamento para as universidades?

Non creo que na actualidade dispoñamos de fondos suficientes para afrontar os cambios estructurais. Se queremos garantir unha docencia pública de calidade e unha capacidade investigadora competitiva, xeradora de riqueza, as universidades deben de contar cos recursos económicos necesarios.

Será viable facer unha reorientación da política de soldos e prestacións dos altos cargos da institución?

O tema dos salarios dos altos cargos, sen caír en simplismos e demagoxias, debe de analizarse en función dos rendementos e resultados. A orientación que debe facerse da estructura de salarios e altos cargos debe permitir que se obteñan mais beneficios que gastos, se profesiona licen os servizos, e se progrese na descentralización para que os campus teñan resoltas tódalas súas necesidades.

Nin seu contrincante de Nova Universidade, Jaime Cabeza, nin vostede descartaron a fusión de candidaturas.

Estou aberto ó diálogo, pero a conxunción de candidaturas depende dos programas, pois son eles os que expresan o modelo de universidade que se quere para o futuro. Isto poderá ser nun segundo momento, despois de que Alternativa complete a súa reflexión e aprobe o programa.

O de Ourense é o único Campus galego que non ten titulacións exclusivas, aínda que o vindeiro curso chegarán tres. Que proporía para com pensar este trato indiscriminatorio?

O vindeiro ano se abre o mapa de titulacións, e cada universidade poderá completar a súa oferta educativa. Alternativa Universitaria levará no seu programa propostas que deben de estar en harmonía co que a sociedade ourensá demanda.

Que necesidades en materia de infraestructuras ten o Campus de Ourense?

Necesita progresar na dotación de servizos xerais de investigación como o CITI, pero tamén en infraestructuras singulares e específicas que permitan ós grupos de investigación de excelencia desenvolver todo o seu potencial. Tamén investir en infraestructuras que faciliten a adaptación ó Espazo Europeo. Crear infraestructuras que permitan dun xeito eficiente completar a descentralización de tódolos servizos.

Que universidade soña para dentro de catro anos?

Soño cunha Universidade cercana ós cidadáns, querida e recoñecida por eles, que se demostre capaz de ser un motor económico e social da sociedade e do país no que vive e que o coñecemento que sexa capaz de xerar brille no mundo.


Te puede interesar