Taboadela recibe 240.000 euros para cambiar o alumeado

González e Vila, á saída da reunión.
photo_camera González e Vila, á saída da reunión.

O subdelegado do Goberno e o alcalde reuníronse para avaliar os proxectos nos que colaboran concello e estado

O concello de Taboadela recibe do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco) 238.000 euros -a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE)- para o cambio de 900 luminarias do concello por outras LED máis eficientes, e para a realización dunha instalación fotovoltaica para autoconsumo da enerxía da depuradora local.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, subliñou onte nunha reunión co rexedor de Taboadela, Álvaro Vila, que a “dinamización do rural e o reto demográfico son prioridades que comparten o Executivo e o concello”. Na reunión, González e Vila avaliaron o desenvolvemento dos proxectos que ten en marcha o Goberno local coa colaboración do Goberno do Estado. 

Na reunión, o subdelegado destacou que, dentro da aposta pola eficiencia enerxética, o Miteco concedeu 238.364,54 euros para dous proxectos en Taboadela a través do IDAE. A subvención estatal alcanza o 80% do investimento total dos proxectos e o concello asume o 20% restante.

O alcalde de Taboadela explicou que o proxecto de aforro e mellora da eficiencia enerxética no alumeado público do concello “xa está adxudicado”, estando previsto o inicio das obras “nas próximas semanas”. Permitirá o cambio de 900 luminarias do concello por luces LED e a adaptación dos cadros eléctricos, conseguindo un “aforro de entre o 60% e o 70% do consumo enerxético”.

Por outra banda, Álvaro Vila indicou que “o proxecto consistente na realización dunha instalación fotovoltaica para autoconsumo da enerxía da depuradora local xa está executado”. Emilio González salientou que “o apoio económico do Goberno central é fundamental para que os concellos poidan acometer actuacións desta envergadura en materia de eficiencia enerxética, coas que, ademais de apostar polo medio ambiente, se poden facer importantes aforros na economía municipal”.

Así mesmo, analizaron o proxecto de mellora do saneamento e depuración nos núcleos de Espiñeiro, Xociños, Vendanova, Veredo, Alto de Taboadela e Palacios que levará a cabo a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, organismo autónomo dependente do Miteco, e que implicará un investimento superior aos 700.000 euros.

Te puede interesar