Un taller en Ourense ensina a doentes de cancro a coidar a súa pel

Asistentes ó obradoiro organizado polo CHUO e a Fundación Stanpa.
photo_camera Asistentes ó obradoiro organizado polo CHUO e a Fundación Stanpa.
Pacientes a tratamento oncolóxico recibiron consellos no CHUO para axudar a sentirse mellor

Sentirse mellor e ter un mellor aspecto. Esa foi a meta que perseguiu o primeiro obradoiro presencial da Fundación Stanpa no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, ó que asistiu unha ducia de pacientes a tratamento oncolóxico. No taller aprenderon técnicas de maquillaxe substitutiva -por exemplo, das cellas- e recibiron consellos de voluntarias desta asociación, especialistas en maquillaxe e estética, sobre a hixiene e o coidado da pel.

Os tratamentos oncolóxicos, como a quimioterapia ou a radioterapia, afectan de maneira particular a pel. Unha das consecuencias é que seca e se irrita, “polo que hai que coidala e hidratala máis”, como explican dende o Servizo Galego de Saúde. Ademais, “pode caer o cabelo e as cellas, o que modifica especialmente a expresión facial”, engaden.

Fundación Stanpa

A Fundación Stanpa, da Asociación Nacional de Perfumería e Cosmética, é unha organización sen ánimo de lucro que pretende axudar ás persoas durante o tratamento oncolóxico. A colaboración da área sanitaria ourensá con esta fundación comezou en abril de 2022. Dende o CHUO explican que “máis dun centenar de ourensanas e ourensáns participaron xa nos obradoiros”, que ata o momento se celebraban a través de internet pola pandemia. En xuño sumáronse os pacientes masculinos, que “dispoñen de cursos específicos”.

Nos obradoiros, explican dende o centro, os profesionais empregan produtos que conforman “unha bolsa de cosméticos para limpeza, tratamento e maquillaxe”. Esta gama entrégase a cada paciente de balde tralo curso.

Os talleres están dirixidos a grupos reducidos, o que permite unha atención máis persoal. No obradoiro que tivo lugar onte, incluso puido participar algunha paciente ingresada na área de Oncoloxía. Tamén se celebran en liña para os que prefiren este formato, con rexistro libre e gratuíto.

Te puede interesar