Tamara Canosa: “A mocidade que sae aos 18 anos do sistema de protección salta ao baleiro”

A actriz e directora Tamara Canosa
photo_camera A actriz e directora Tamara Canosa
La actriz y directora Tamara Canosa llega al Teatro Principal de Ourense con su obra "Soños"

O Teatro Principal de Ourense é un dos auditorios galegos favoritos de Tamara Canosa (A Coruña, 1983). A el volverá esta semana aínda que non como actriz, senón como directora da obra “Soños”. A peza, enmarcada dentro do I Congreso internacional de transición á vida adulta da xuventude do sistema de protección, representarase ás 20,30 horas do xoves. A entrada é de balde, basta con achegarse ao Principal media hora antes do inicio da obra para retirar o convite. “Soños” conta co apoio da ONG Igaxes, que traballa con menores en risco social.

Como xorde a peza?

O obxectivo principal polo que nace é buscar a través da cultura unha acción para cambiar a ollada e desestigmatizar á mocidade que está dentro do sistema de protección de menores. 

Aos 18 anos perden a protección.

Si, e non teñen un sostén familiar para estudar unha carreira, é un salto ao baleiro que pode impedir calquera tipo de desenvolvemento. Precisan un sostén para desenvolver unha vida autónoma. Moitos deles atopan unha batería de prexuízos importantes á hora de buscar traballar.

“A obra busca cambiar a ollada sobre os menores do sistema de protección”.

O texto aborda ese momento vital.

Son dous rapaces tutelados e a súa educadora, que no seu momento tamén estivo tutelada. A través destes tres personaxes intentamos abranguer diferentes realidades, porque a vida dos menores tutelados é moi diversa. Pode haber un rapaz do interior de Galicia, outro dunha cidade, outro que sexa migrante. E tamén poden chegar ao sistema por moitos motivos: porque quedan orfos, porque as súas familias non se poden facer cargo de ti… 

Non hai un patrón.

Non, hai personalidades de todo tipo, e o que quixemos foi tocar un espectro o máis amplo posible. E dende aí, centrarnos nos prexuízos que afrontan coa veciñanza como metáfora do mundo exterior. Os personaxes non son ninguén en concreto, pero son reais. 

Como foi o proceso de construción dos tres protagonistas?

O texto é de Fernando Epelde, e para escribilo fixo obradoiros con rapazada do sistema de protección. Ademais, nós, a través de Igaxes, recibimos moita información para investigar e para logo nos ensaios incluir cousas, que os actores se empapen dese universo.

Os personaxes non son ninguén en concreto, pero son reais”.

Cambioulles a ollada?

Claro. Xa partiamos de certa consciencia da súa realidade, pero calquera proceso creativo de investigación sempre axuda a cambiar a ollada. Iso é o que engancha desta profesión, de cada proxecto levas algo que te transformou.

Falta empatía por parte da sociedade?

Si, cara estes rapaces xa non hai esa empatía que existe cara aos nenos, porque xa os ven como adultos. Vivimos nunha sociedade moi capacitista e neoliberal, desconectada do resto, onde ninguén se pregunta o motivo de que unha persoa esté concatenando traballos con salarios mínimos. Non asumimos que a falta de oportunidades é algo social, é cuestión de todos. A falta dun horizonte e dun motor vital, cando tes 19 ou 20 anos é moi difícil crecer. Esta mocidade non ten un sitio ao que volver.

Para quen está dirixida a peza?

É unha historia sinxela, accesible a moito tipo de público, sexa adulto ou xuvenil.

Te puede interesar