PARA OS MÁIS CATIVOS

Unha tarde inesquecible
 con “Os Bolechas”

photo_camera Unha animadora prepara os nenos para a chegada de "Os Bolechas" (XESÚS FARIÑAS)

O Centro Comercial Paseo acolle unha xornada de talleres e sesións de fotos

Os nenos e pais que visitaron na tarde de onte o Centro Comercial Paseo viviron unha xornada inesquecible gozando con "Os Bolechas", seis rapaces (Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia e Tita) e un can (Faísca), cos que puideron compartir momentos, preguntarlles curiosidades e ata facerse fotos.

A inesquecible xornada deu comezo ás cinco da tarde coa chegada destes famosos personaxes infantís, a sesión de fotos e algún que outro agasallo para os participantes no encontro.

A partir das seis e media da tarde deuse paso a un taller de debuxo de "Os Bolechas", que contou co mellor asesor posible, o creador dos propios personaxes, Pepe Carreiro, que tamén acudiu a esta cita cos nenos e invitou aos entusiasmados rapaces a recrear sobre o papel a estes protagonistas de varios libros, cómics e serie de debuxos, dándolles os trucos para poder debuxalos.

Os nenos viviron unha tarde de risas e soños entre os seus personaxes favoritos, ós que seguiron no seu percorrido polo Centro Comercial Paseo, deténdose en stands e estanterías, preguntándolles detalles das súas aventuras e, finalmente, facéndose unha foto de recordo que seguro ocupará un lugar especial na súa habitación a partir deste momento.

A guinda a un día perfecto chegou co taller de debuxo, no que os rapaces demostraron o seu bo facer co lápiz e as cores.

Te puede interesar