O Tecnolóxico prevé máis bañistas polo previsible pechamento de Monterrei

As instalacións da Tecnópole inauguraranse o próximo 18 de xuño

As piscinas do Parque Tecnolóxico de Galicia apuran trámites para a súa apertura porque temen que este ano non estean dispoñibles as instalacións do Complexo deportivo de Monterrei -xa que ambas instalacións atópanse a menos de 2 quilómetros unha da outra-, actualmente inmerso na obra de construción da primeira fase do futuro parque acuático promovido pola Xunta.

Nun informe para xustificar a urxencia da contratación dos servizos de xestión destas instalacións para este verán (na que se inclúen apartados como a contratación de socorristas ou de limpeza), apuntan a que “este ano resulta aínda máis necesaria a apertura das instalacións o antes posibles, xa que as piscinas públicas máis próximas (polas de Monterrei) están pechadas por obras, polo que se prevé unha demanda maior dos usuarios”. Ademais, explican que os motivos para non ter tramitado o expediente con máis antelación son que “inicialmente tíñase a intención de modificar o alcance do contrato para que a xestión das instalacións se levase a cabo durante todo o ano, e non só na tempada de verán”.

No caso destas instalacións, está previsto que abran as súas portas o vindeiro 18 de xuño, por un prazo de case tres meses, xa que rematarán a súa actividade o 11 de setembro, o que supón unha ampliación do tempo que estas piscinas estarán abertas porque en 2021 pecharon o 31 de agosto.

As piscinas de Monterrei están actualmente en obras e todo apunta a que non estarán dispoñibles este verán. Ademais, cabe destacar que o aforo das instalacións da Tecnópole non suporían unha alternativa para todos os ourensáns que asistían a Monterrei, xa que son moito máis pequenas. Dende a Secretaría Xeral para o Deporte indican que “estase a traballar coa empresa para ver posibles solucións”, aínda que evitan anunciar a apertura ou o peche. O certo é que a licitación para contratar os servizos de mantemento destas piscinas adoitaban publicarse en abril, este ano non hai ningún documento ao respecto.

As de Oira e Os Remedios abrirán ao público o día 10

Xa hai data para poder gozar das piscinas de Oira e da descuberta do pavillón dos Remedios. Os ourensáns poderán acudir a ambas instalacións a partir do vindeiro 10 de xuño, aínda que haberá dúas quendas para bañarse e será preciso reservar turno para poder acceder aos recintos.  As persoas que queiran darse un mergullo este verán nas piscinas de Oira terán que reservar previamente para poder acceder aos vasos desta instalación. Haberá dúas quendas cada día, unha de 11,00 a 15,30 horas e outro de 16,30 a 21,00 horas. Nesa hora intermedia realizaranse labores de limpeza e mantemento. Por cada turno poderán acceder ao recinto ata 575 persoas como máximo. Ademais, xa hai socorristas contratados para encargarse da seguridade dos bañistas nos próximos meses en Oira e recoméndase, por mor das obras na contorna, achegarse en transporte público. O acceso será completamente de balde.

Pola súa banda, a piscina dos Remedios tamén abrirá as súas portas o 10 de xuño. Neste caso os abonados poderán acceder de forma gratuíta. O resto deberá pagar por acceder ao recinto e mesmo dispón de abonos para ir varios días e non ter que pagar un tique diario.

Te puede interesar