OURENSE

A teleasistencia custa 
ó Concello 60.000 euros

A empresa Eulen será finalmente a adxudicataria do servizo, por un ano

A xunta de goberno do Concello aprobou na súa sesión de onte, á que non asistiu o alcalde, Agustín Fernández, por estar en Madrid na proclamación de Felipe VI, a ordenación das ofertas presentadas para a contratación, por procedemento aberto, do servizo de teleasistencia domiciliaria, que presta atención permanente e gratuita a máis de 240 maiores que viven na cidade. Trátase dun servizo que na actualidade financia íntegramente o Concello, que destinará a esta finalidade 60.000 euros anuais.

A empresa Eulen Servicios Sociosanitarios presentou a mellor oferta, á vista das valoracións realizadas polos técnicos municipais dende o punto de vista técnico e económico. Por este motivo, no acordo o goberno local require a esta empresa a que presente a documentación necesaria para formalizar o contrato, que terá unha duración de 12 meses, prorrogable ata o 31 de decembro de 2015.

A teleasistencia domiciliaria é un servizo de atención telefónica ininterrumpida a persoas maiores que viven soas nos seus fogares, dotado cun equipamento de comunicacións e informática específicos. Consta dunha unidade de alarma que leva o usuario consigo, un terminal telefónico e unha central informatizada, receptora de chamadas, situada no centro de atención.

O servizo ten como finalidade proporcionar unha resposta rápida de xeito que o usuario, con tan só premer un botón, poda poñerse en contacto co centro de atención, atendido por persoal cualificado. O servizo préstase durante as 24 horas do día, durante os 365 días do ano e se complementará cun servizo de axenda-recordatorio de determinadas tarefas: control de tratamentos crónicos e consultas médicas e sociais.

A teleasistencia é un servizo anteriormente cofinanciado pola Administración Central, e que dende o ano pasado ten que financiar íntegramente o Concello, que o califica de prestación fundamental nunha cidade na que o 29,8% da poboación é maior de 60 anos (31.926 persoas).

A 31 de decembro o número de usuarios do servizo de teleasistencia domiciliaria en Ourense ascendía a 245 persoas.

Te puede interesar