REPORTAXE

“Tes que ser moi sensato para dirixir un lume"

Os axentes forestais ocúpanse de coordinar todos os medios do dispositivo de extinción en cada lume. Deciden como intervir e se o incendio ten consecuencias penais, son os primeiros imputados.

Aquí, no distrito XII, en Ourense, necesítanse todos os axentes para atender a tantos lumes, así que non queda ninguén para investigar. En Pontevedra si. Alá funciona a Brigada de Investigación de Incendios Forestais, con axentes de ampla experiencia", di Carlos Sanmiguel, axente forestal, xa para 16 anos dirixindo o ataque contra o lume. Agora no distrito XII -reforzado este verán-, antes no XV.

Nesta campaña estivo, entre outros, nos lumes de Palmés e Cudeiro. Un axente forestal exerce como director de extinción, o mestre de campo que se encarga de coordinar o ataque, o control e a extinción, a morte do incendio.

Traballan en quendas de 12 horas. Oito ou nove axentes de garda. "Cando chegas ao lume miras primeiro de situar a cabeza e os flancos. Se podes, dáslle unha volta ao perímetro. Empezas a valorar que medios precisas. En dez ou doce minutos tes que determinar o operativo. Vas contrarreloxo, pero tes que ver todo o que poidas ver para facerte unha idea. É unha inspección visual".

Carlos di que hai problemas coas comunicacións, que utilizan emisoras convencionais que as veces se saturan -"e mesmo a nova telefonía resulta que non ten cobertura; o ano que ven din que teremos o sistema tetra, o da Garda Civil"-, pero que aínda atopan apoio nos vixiantes. "Vas no coche e podes ir falando co vixiante que está na caseta. Entre os dous tratamos de situar o sinistro".

"Cando decides nun lume tes en conta moitos factores. No caso dos medios aéreos, sabes que esa xente se xoga a vida e que mover eses medios é costoso. Tes que ser moi sensato. Pódese levantar un helicóptero de Toén, porque está no distrito. Pero si teñen que vir de outros distritos, hai que pasar polo servizo provincial. Non é problema. Normalmente o tempo de reacción é rápido".

Como non todos os lumes son iguais e non todos os medios serven para o mesmo, o mestre de campo tira da súa bagaxe para tomar decisións inmediatas. Conta Carlos que os avións son moi eficaces en ataque directo. Que con vento pode resultar máis práctico e manexable un helicóptero, ou que en pendentes extremas coma o Cañón do Sil tamén resultan mellor os helicópteros. Que hai lumes en arbóreo -hóuboos este ano en Vilar de Barrio ou Toén- en piñeiros ou sen pendente, e que neste caso o mellor son os Foca, porque a auga chega ata abaixo, incluso rompe ramas, pero que desde o helicóptero, que solta máis de 1.000 litros, non chega á terra.
 

Confianza

Co persoal de terra ocorre o mesmo. "Hai xente boa nas brigadas dos concellos, que sabe o que fai. Pero é normal que no servizo público teñamos persoal máis preparado. Sempre che da máis confianza cando hai que facer algo complexo". O problema é que o operativo está demasiado fraccionado, advirte, que hai moitos tipos de brigadas, con capacidades e mesmo condicións laborais diferentes. "Deuse un paso atrás ao recuperar ás brigadas dos concellos, o máis intelixente sería reforzar no servizo público". As veces a bagaxe aliméntase da repetición. "A Vilamarín, onde no 2006 arderon 330 hectáreas, volvín este ano. E no coche xa visualizas. Se coñeces o terreo tes vantaxes. Sabes por onde colle e por onde non unha motobomba. Onde hai casas. Como son os usos do terreo. Se hai unha pista, cortalumes... vas no coche é visualizas".

O director de extinción traballa so ata mentres o lume non supera certa dimensión. Nun lume grande ou "se ves que a cousa se vai a complicar", piden apoio ao distrito, chega outro axente, o un técnico. "En Palmés, montouse un posto de mando avanzado, un equipo para dirixir o traballo, avaliar onde facer liñas de defensa, as posibilidades de evacuación". Carlos recorda que os axentes teñen unha gran responsabilidade porque o primeiro imputado nun lume que se complica é sempre o director de extinción: "E hai lumes que avanzan máis de 100 hectáreas en dúas horas, pode que a primeira medida que tomaches, aos 20 minutos xa non valga para nada. O lume de Cualedro foi explosivo, así que houbo que ir rectificando constantemente. Imaxínese no 2006, que tiñamos que estar pendentes en moitos lumes de decidir si evacuar ou non aldeas".

Te puede interesar