O centro penitenciario celebrou un acto de entrega no día da Merced, patroa dos presos

O traballo ben feito ten premio en Pereiro de Aguiar

Como día santo que era, os internos do centro penitenciario de Pereiro de Aguiar amenceron cunha misa en honra da Merced, a súa patroa. Oficiada polo párroco habitual da prisión, José Pérez Domínguez, participaron nela, ademais dos propios internos e os seus familiares, funcionarios do cárcere. Durante o acto litúrxico, un traballador e unha interna cantaron, entre outras pezas, un Ave María, que emocionou a algúns dos presentes.
Unha vez concluído camiñaron todos cara ó salón de actos a través dun corredor no que unha exposición sobre a historia e as características das tatuaxes adobiaba as paredes. Dentro da sala onde se ían entregar un importante número de mencións honoríficas, fóronse colocando os convidados, que non quixeron perder ningún detalle de canto acontecía no seu día grande. Compuñan a mesa de autoridades o director do centro, Juan Carlos Salvador, o subdelegado do Goberno, Camilo Ocampo, o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, o presidente da Audiencia Provincial, Fernando Alañón, e o fiscal xefe da mesma, Florentino Ayuso.

O primeiro en participar foi o director da prisión, que compartiu coa audiencia palabras de 'reflexión' sobre as 'problemáticas complexas' que se agochan detrás de cada un dos 450 internos de Pereiro de Aguiar. Xa por último, mostrou o orgullo que, como director, lle producen os 20 cursos que se desenvolven na prisión e nos que participan máis de 180 internos.

Despois da comparecencia de Camilo Ocampo, a conductora do acto anunciou a entrega dos galardóns. Seis funcionarios, coordinadora de Educación Vial, Sinda Aguiar, e representantes da Banda de Música de Ourense, a ONG Ecos do Sur e a Consellería de Traballo subiron ó palco a polo seu premio. Os seguintes en acudir foron nove internos, honrados por diferentes motivos: rendemento no deporte, aproveitamento escolar, evolución terapéutica, evolución persoal, rendemento laboral, continuidade, mantemento e dous auxiliares de Seguridade Vial.

Ó máis puro estilo de Tricicle, tres internos déronlle mil e un usos distintos a unha tapa dun inodoro e, para pechar o acto, unha peza interpretada por voz e piano.

Te puede interesar