CULTURA

O valor das bibliotecas orais gaña o “Pura e Dora Vázquez"

<p></p>
photo_camera O xurado do premio de narración, reunido onte no centro cultural Marcos Valcárcel.

A lucense Ánxela Rodríguez é a galardoada desta edición número 15, cunha obra sobre a palabra 

A escritora lucense Ánxela Rodríguez Rodríguez (Lugo, 1968) gañou o XV Premio "Pura e Dora Vázquez de Narración", convocado pola Deputación provincial e dotado cun premio de 1.500 euros. A autora presentou a obra "As historias da ogra Pinta", que homenaxea a tradición oral e que o xurado valorou como "transmisora de valores sociais moi importantes, como é o de non ter prexuízos iniciais sen ter pleno coñecemento das cousas".

O xurado do certame deu a coñecer onte a súa resolución, na que premiaron á autora de Lugo, que participou baixo o pseudónimo de Ánxela Gracián. Formaron o xurado o deputado de Cultura, Manuel Doval, como presidente; José Manuel Fernández, Mario González, Carlos Rodríguez e Xosé Manuel Cid, actuando como secretaria a xefa da sección de Publicacións da Deputación, Ana Malingre. Destacaron a "calidade de todos os textos presentados" a esta edición número quince.


"Adícollo a Xabier Docampo"


"É unha noticia que non esperaba, marabillosa. Estou moi feliz e é unha honra levar este premio co nome de dúas pioneiras da literatura infantil e xuvenil galega como son Pura e Dora Vázquez", conta Ánxela Rodríguez, que é a primeira vez que se presenta ao concurso tras unha etapa vital na que se prometeu ser "máis disciplinada e planificar mellor a axenda".

A escritora e tradutora lucense fai unha homenaxe "á palabra oral, a través das historias dunha avoa a que nun principio rechazan os rapaces na aldea". Pronto, os nenos escoitan sen medo os relatos da anciá, nunha serie de textos, autobiográficos nalgunha ocasión, que reivindican "a espontanenidade e as bibliotecas orais coas que moitos nenos do rural medramos", apunta a premiada, que co recoñecemento que a Deputación de Ourense lle outorga quere adicar o premio á figura do recentemente falecido escritor galego Xabier P. Docampo. "Foi un un gran mestre da oralidade", subliña Rodríguez.

Trala resolución do opremio na modalidade de Narración, a Deputación de Ourense abre agora o prazo para a modalidade de Ilustración. Os interesados poden solicitar a obra premiada de Ánxela Rodríguez e presentar os seus traballos, inéditos e orixinais, que tomen como base a narración da gañadora. A dotación do premio é a mesma, 1.500 euros, e admítense propostas ata o 3 de setembro. 

Te puede interesar