Concello

A veciñanza da Valenzá urxe a poda das árbores

Dende o concello afirman que os traballos comezarán “este mércores”

Un grupo de veciños residentes na avenida de Celanova, no Concello de Barbadás, síntense “invadidos polas árbores” nos seus propios domicilios. Unha veciña, María Fernández, asegura que “hai ramas que comezan a entrar polas ventás dos primeiros”. “Foron varios os veciños que tiveron que cortar algunha galla porque lles entraba polo balcón”, asegura esta veciña.

María Fernández afirma que se reuniu en varias ocasións durante a última semana con representantes do Concello, e “déronme largas e aínda non solucionaron o problema”. “Non é un problema que teñamos soamente nun punto, toda a avenida está igual, coas pólas sen podar”, subliña.

Pola súa banda, dende o goberno local aseguran que son coñecedores desta problemática e que “este mércores comezan as podas de toda a avenida de Celanova”. A tenente de alcalde, Victoria Morenza, explica que “sempre se comeza a poda das árbores a mediados do mes de outubro, ao pasar a ponte do Pilar, para telas preparadas para a instalación das luces do nadal”. Morenza califica a situación como “habitual”, ao tempo que lamenta os inconvintes que puidese supoñer para a veciñanza. “Se non puidemos atender esta demanda foi porque xa estaba calendarizada coma todos os anos e había outras prioridades que atender antes”, declarou.

Te puede interesar