O primeiro día de rebaixas cumpriu as expectativas dos comerciantes do centro da cidade, aínda que as tendas da cadea Inditex e o centro comercial Ponte Vella foron as que maior número de público atraeron.

O verán cambia o seu prezo

As tendas enchéronse de xente, aínda que as colas para pagar eran menores que no inverno. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
Tocaba madrugar, porque a misión comezaba cedo. Ás 10 horas en punto abrían as tendas, pero había quen tiña medo de non coller sitio ou de deixar voar esa prenda pola que devecía dende que a roupa de verán encheu as tendas de Ourense e por iso agardou a que as persianas deixaran o paso aberto. Minutos antes de que os reloxos dos comerciantes comezaran a contar o máximo de dous meses que restan de descontos, eran varias as persoas que agardaban a hora en punto. Ocorreu na rúa do Paseo e ocorreu no centro comercial Ponte Vella.
Como adoita acontecer no día un de cada periodo de rebaixas, as tendas de roupa foron os imáns máis potentes de atracción de clientes, pero os montóns de xente non foron tan montóns coma noutras ocasións. Se nas rebaixas de inverno (as que comezan o día despois de Reis) as esperas ata chegar a pagar as compras rondaban a media hora, nesta ocasión non superaron, en xeral, os 10 minutos. Con todo, o proceso era semellante dentro das tendas: remexer, probar, seleccionar e pagar. Así, as coleccións de bolsas nas mans dos viandantes ían en aumento. En esencia, os logotipos das grandes cadeas de confección eran os máis repetidos. E nas portas dos comercios máis multitudinarios, unha sensación: a espera. O normal é que se vira ás parellas, que estoicamente resistiron á sombra das árbores da rúa do Paseo ou apoiados nas varandas do centro comercial.

Pero a economía non dá tregua. A crise, que aparece cada vez que as carteiras saen dos petos, reduciu as previsións de gasto dos galegos. Se no ano 2006 a media situábase nos 122 euros por persoa, co tempo foi descendento ata chegar a hoxe, cando non pasa dos 50 ou 60. Os cálculos son globais, pero algúns ourensáns teñen pensado chegar ata os 200 euros.

E mentres, os profesionais do sector comercial teñen postas as súas esperanzas nesta campaña. O presidente do centro comercial aberto Ourense Centro, Emilio González, sitúa o balance desta primeira xornada 'dentro do agardado'. A pesar dos días calurosos vividos nas últimas semanas, o verán na cidade comeza a percibirse nestes días. Así o considera González e sinala que as expectativas dos comerciantes do centro están tamén postas no turismo. Para acadar este éxito, pide unha 'maior limpeza', nas rúas do casto Histórico.

Te puede interesar