Vía libre para a primeira fase de ampliación do polígono de Xinzo

O Concello de Xinzo de Limia desenvolverá o polígono 1 da ampliación do parque empresarial de Xinzo de Limia, despois de asinar esta semana o convenio entre o Concello e Xestur Ourense.
Os terreos que ocupará dito polígono 1 da ampliación do parque empresarial son integramente propiedade do concello, polo que a administración municipal estaba interesada no seu desenvolvemento, unha vez que a modificación puntual do proxecto sectorial do parque empresarial permite a súa ampliación por fases.

Segundo o convenio asinado entre Xestur e o Concello, este executará pola súa conta o proxecto de obras do polígono 1 da ampliación do parque empresarial e posteriormente encargarase da súa xestión, como propietario único do mesmo.

O convenio tamén establece que o concello sufragará a parte que lle corresponda dos gastos soportados por Xestur no desenvolvemento do parque empresarial. Esta compensación efectuarase coa redución da cesión obrigatoria e gratuíta de solo, correspondente ao 10 por cento do aproveitamento urbanístico, nas ampliacións do parque empresarial que execute Xestur.

A fase 1 da ampliación do polígono empresarial de Xinzo que executará o Concello ten unha superficie de 74.658 metros cadrados, dos que 59.987 son de uso industrial.

A modificación puntual do proxecto sectorial prevé outras catro fases para a ampliación do parque empresarial, que en total suman 621.202 metros cadrados, dos que un total de 442.362 son destinados a uso industrial.

Te puede interesar