As principais novidades deste ano na campaña de verán para Ourense da Consellería de Política Social da Xunta, chamada "O verán que necesitas", ademais do novo protocolo anticoronavirus, son o desenvolvemento dun campamento de danza moderna en Coles e a oferta dos campamentos de Vilariño de Conso e Carballiño. Estas novidades súmanse ás instalacións que xa acolleran campamentos en anos anteriores, situados en Entrimo, Manzaneda, Muíños e San Xoán de Río.
Ofertaranse 1.382 prazas para mozos de entre 9 e 30 anos para que poidan participar en actividades lúdicas, culturais ou deportivas dende a segunda quincena de xullo ata finais de setembro.
A delegada territorial en funcións da Xunta en Ourense, Silvia Dorado Morales, lembra que se ofertan tamén 54 prazas para mozos e mozas de entre 11 e 40 anos con necesidades especiais na Residencia de Tempo Libre do Carballiño. Aos campamentos de verán engadiránselle tamén campos de voluntariado nos que poderán participar mozos de entre 18 e 30 anos na residencia xuvenil Florentino López Cuevillas. Os interesados en participar teñen prazo ata o día 25 de xuño.