Comercio organiza unha viaxe para tomar nota das reformas emprendidas na cidade catalá

Vinte praceiros coñecerán os mercados de Barcelona

Ana Garza. (Foto: JOSÉ PAZ)
Un grupo duns vinte comerciantes ourensáns, da Praza de Abastos e da Praza de A Ponte, viaxan mañá a Barcelona, acompañados pola concelleira de Comercio, Ana Garza, e cun claro obxectivo, familiarizarse co modelo de mercados da capital condal, para coñecer como afrontaron o proceso de remodelación de varias prazas de abastos.
Ana Garza levaba xa máis dun ano coa idea desta viaxe, no seu día mantivo un encontro con Pere Sirvent, o director de proxectos do Institut Municipal de Mercats de Barcelona, e hai uns meses achegouse a coñecer 'in situ' algúns dos traslados provisionais da capital catalá, que é un dos fins desta visita, que os comerciantes ourensáns lle perdan o medo a ese futuro traslado provisional vendo cos seus propios ollos o que significa peonalizar as zonas, ou como se organizan os almacéns nestes casos ou as cámaras frigoríficas, os as zonas de carga e descarga.

Aínda que a viaxe estaba prevista hai tempo, Garza preferiu agardar a que estivese xa en fase de contratación o proxecto de execución da reforma da Praza de Abastos de Ourense. Neste momento está en concurso e polo tanto o equipo que resulte elexido terá que comezar a traballar cos propios comerciantes, que tras a viaxe a Barcelona xa terán unha idea máis real do proceso.

Elexiuse este destino porque conta con varios exemplos, hoxe teñen xa mercados totalmente reformados, outros en traslado provisional e outros que se atopan en plena reforma, e iso significa que o ábano é moito máis amplo. En total, está previsto visitar os mercados de La Concepcio, La Llibertat, Santa Caterina, Ninot e Sants.

Te puede interesar