Bieito Romero: “Volveremos de xira por América por oitava vez. É sempre emotivo e un pracer”

Bieito Romero
photo_camera Bieito Romero.

Luar na Lubre, un dos grupos referentes na música folk, empeza hoxe ás nove da noite a súa nova xira. O Teatro Principal acollerá o concerto da formación liderada por Bieito Romero. A formación xa se prepara para actuar en América.

Teñen a tradición de empezar as xiras en Ourense. Por que?

Non sempre o fixemos, pero son moitos anos. Ourense sempre foi un lugar de boa acollida, as miñas raíces estan na Ribeira Sacra, en Esgos e Espadanedo.

Van tocar temas novos?

Imos presentar catro temas novos. Este traballo vai ser un disco-libro, probablemente o último que fagamos en formato físico, porque probablemente haxa que pasar a outro tipo de formatos. Queremos facer un disco libro que será un disco no que haxa novidades, pero recopilatorio de temas que xa gravamos e que para nós tiveron importancia no seu momento. O detalle é que os imos gravar de novo despois de décadas, pero coa perspectiva actual. Van ter unha sonoridade nova.

Que sonoridades exploraron?

Os sons están moi explorados despois de 37 anos, pero sempre hai matices e cousas novas. Hai algo interesante, que é que son cancións gravadas hai 20 anos e que se volveron a gravar de novo con xente diferente e outra visión. Aí é onde está o matiz. Unha canción que no 2000 soaba dunha maneira e no 2023 vai soar dunha maneira diferente. Agora temos estudo propio, otra visión da música… A música transformouse e fixo transformarnos a nós tamén.

Ourense seguirá presente no seu disco?

Si. Nós fixemos un disco adicado á Ribeira Sacra, porque a miña parte familiar e emotiva está moi ligada a Ourense e fixemos un disco practicamente de Ourense. Esta provincia está moi presente nos nosos concertos e continuará no noso traballo, non pode ser doutra maneira. Aínda que nacín na Coruña, o meu pulso sentimental e os meus anos de maior alegría trascurriron aí. Ourense, as súas xentes e a súa historia sempre estarán presentes nos nosos traballos. 

Veñen de xira por Marrocos. Que tal a experiencia?

Fantástica, non era a primeira vez. Desta fixemos dous concertos. En Marrocos gusta moito a música de raíz, creo que volveremos.

E despois de Ourense, que vén?

Temos un calendario moi interesante e sen pechar para este ano. Teremos algún concerto e faremos xira por América. Volver a América é un pracer. Antes da pandemia estaba programada a xira, será a oitava vez que imos. Sempre hai galegos en todas partes, é moi emotivo volver.

Te puede interesar