O xardín do Pazo de Otero Pedrayo volverá ás orixes

Exterior do Pazo da Fundación Otero Pedrayo.
photo_camera Exterior do Pazo da Fundación Otero Pedrayo.

O Consello da Xunta autoriza hoxe a sinatura dun convenio de colaboración coa Fundación Otero Pedrayo pola que o Goberno autonómico completará a rehabilitación da casa natal do autor, o Pazo de Trasalba, a través dun proxecto que recuperará os valores culturais do seu exterior. En concreto, reporase o deseño dos xardíns como no seu día concibira o propio escritor coa intención de integralos na experiencia de visita e solucionar varios problemas estruturais da contorna. Para estas actuacións, o Goberno autonómico achegará 80.000 euros, que teñen o fin de conservar os valores de uso, elementos paisaxísticos e botánicos do exterior do inmoble coa intención de axudar aos visitantes a interpretar a vida e a inspiración que Otero Pedrayo atopou nesta paraxe.

As actuacións desenvolveranse en 2023 e 2024 no viñedo, xardín romántico, patio central, souto, horta de froiteiras e árbores patrimoniais así como recuperar a pérgola histórica, todos eles elementos que ata o de agora están en malas condicións. Estas actuacións culminan as accións levadas a cabo nos últimos anos e que elevan a 130.000 euros o investimento realizado para o mantemento deste edificio. De feito, no 2020 asinárase un convenio coa devandita Fundación por 50.000 euros para reparar a cuberta do edificio, mellorar o sistema de abastecemento de auga e as condicións de calefacción, así como actuar no mirador e porche.

Ademais, a Consellería de Cultura colabora anualmente cunha achega económica de 23.000 euros para mantemento das dependencias da Casa Grande de Cima de Vila (gastos de mantemento e persoal) e para a actividade cultural da Festa Literaria do Premio Trasalba. Esta segunda fase intégrase no Plan Xeración Cultura, a folla de ruta para acompañar ao sector cultural cunha batería de medidas.

Te puede interesar