A Xeración Nós volve á cidade para homenaxear á 'alta cultura'

Camilo Fernández Valdehorras. (Foto: MARCOS ATRIO)
Os membros da Xeración Nós, responsables da publicación da revista do mesmo nome publicada hai 92 anos, volven á actualidade nun 'excelente punto de encontro' ó que está chamado a cidadanía ourensá para homenaxear ós 'mestres'. Deste xeito introducía o presidente da asociación proCentenario Nós 2020, Camilo Fernández Valdehorras, o día adicado á 'nación-cultura galega', que hoxe se celebra en diferentes puntos da cidade coincidindo co aniversario da publicación.
O encontro comezará ás 12.30 horas nos xardíns do Padre Feijóo (no Liceo se o tempo non o permite) coa lectura pública da revista. Nese mesmo acto, entregarase o primeiro premio de honra á publicidade comercial en galego e lerase tamén o manifesto Ourense 2020, que busca converter á cidade en capital europea da cultura. Xa pola tarde, realizarase unha ofrenda cívica ós escritores e artistas ourensáns no cemiterio de San Francisco, un recinto que despois se percorrerá da man do propio Valdehorras.


TOCADOS E SOMBREIROS

Coa organización desta xornada festiva, os responsables da asociación queren que a sociedade se achegue 'ás formas da alta cultura', aquela que transmitiron ilustres como Blanco Amor ou Otero Pedrayo a través, en parte, da revista Nós.

Na presentación da iniciativa, á que chamou a acudir con tocados e sombreiros, Valdehorras estivo acompañado polo representante do Liceo, Segismundo Bobillo; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o xestor cultural Uxío Novoneyra, e o secretario do Círculo Poético, José Antonio Santos.

Te puede interesar