A xornalista Sara Vila recolle o premio Blanco Amor de novela

Sara Vila recolle a estatua de Acisclo Manzano de mans de Luis Menor.
photo_camera Sara Vila recolle a estatua de Acisclo Manzano de mans de Luis Menor.
Luis Menor afirmou que “afianza unha sólida traxectoria con premios que ilustran o seu talento”

O centro cultural Marcos Valcárcel acolleu na tarde de onte o acto de entrega do XLII Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor, que recaeu na xornalista e escritora pontevedresa Sara Vila Alonso pola súa obra O Incendio, tal e como acordou o pasado 25 de novembro o xurado do certame, que escolleu a obra gañadora de entre un total de 21 orixinais presentados a esta edición.

Sara Vila recolleu o galardón -dotado con 15.000 euros e unha peza escultórica de Acisclo Manzano- de mans de Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense e da Fundación Eduardo Blanco-Amor, nun acto no que tamén estiveron presentes o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Fundación, Luis González Tosar; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; os membros do xurado, e autoridades e representantes do mundo da cultura ourensá e do resto de Galicia.

“Se seguísemos a corrente do río que pasa por esta cidade de Auria chegaríamos a Neboeiro, a aldea en que transcorre O incendio”, asegurou pola súa banda Sara Vila. “Había xa un vínculo entre Ourense e esta historia sen que eu fose moi consciente, pero este recoñecemento intensifícao e convérteo nunha fermosa coincidencia”, expresou a gañadora da XLII edición deste certame literario. “Escollín unha protagonista adolescente afacéndose ao mundo, con toda a súa violencia, con toda a súa hostilidade, pero tamén con toda a tenrura dunha avoa imperfecta que a acompaña”, engadiu, proclamando o seu orgullo por formar parte de algo tan punteiro, con tanta proxección e recoñecemento como a literatura galega”, expresou a gañadora.

Premio "cheo de vida"

Menor afirmou que con este premio a gañadora “afianza unha sólida traxectoria con diversos premios que ilustran o seu enorme talento literario”, agora posto de manifesto unha vez máis coa novela galardoada. Nesta liña aportou un dato moi significativo: “Tres novelas, gañadoras do Blanco-Amor foron premiadas posteriormente co Premio Nacional de Narrativa. Oxalá esteamos ante a cuarta nestes intres...”.

O presidente provincial destacou que “estamos ante un galardón cheo de vida logo de 42 edicións”, polo que a Deputación e a Fundación Blanco-Amor encaran unha nova etapa para ampliar a repercusión do certame. A obra do escritor pervive logo de 46 anos do seu pasamento, razón fundamental, dixo, “pola que as institucións públicas debemos seguir impulsando os seus libros, difundindo o seu modelo de ourensán cosmopolita, fondamente comprometido coa lingua e coa cultura de Galicia, todo un exemplo para as novas xeracións”. Por todo elo, “a Deputación seguirá brindando todo o apoio posible como depositarios do valioso legado dun dos grandes autores en galego e castelán que inmortalizou a Auria”.

Anxo Lorenzo sinalou que se premia o inicio dunha carreira literaria, en referencia á gañadora, felicitando á Deputación por ser quen no seu momento de relanzar este premio. Pola súa parte, o presidente da fundación, Luís González Tosar, anunciou que a Fundación editará, en colaboración coa Deputación, o facsímile dos seis números publicados na Arxentina da Revista Terra, fundada en 1923 polo escritor.

Te puede interesar