Xosé Antonio Touriñán: "Intentaremos que a xente de Ourense se escaralle de risa durante unha hora"

O humorista Touriñán
photo_camera O humorista Touriñán

Entrevista a Xosé Antonio Touriñán, humorista, polo seu espectáculo "Corentena", con David Perdomo

 

 

Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, 1980) e David Perdomo (A Coruña, 1979) comezaron a conversar en directo a través de Instagram durante o confinamento por covid. A improvisación dos dous humoristas galegos rematou nunha serie de persoeiros creados nese tempo de corentena para facer rir ao público que se conectaba aos vídeos pola noite. E os humoristas interactuaban coa xente.

Precisamente o espectáculo que presentan hoxe en Ourense se chama “Corentena”. As entradas están esgotadas no Auditorio Municipal, onde hai dous pases: ás 17,30 e ás 20,00 horas. O cómico Touriñán atende esta entrevista.

Moito vén a Ourense, non?

Gústame durmir na casa (ri). Son as cidades que temos en Galicia, porque as nosas xiras son por aquí.

O público ourensán é agradecido?

Moito, sempre.

O espectáculo chámase “Corentena”, non hai que ser moi listos para ver por onde van os tiros. Non?

Van aparecer personaxes que os que estiveron con nós na pandemia coñecían perfectamente. A señora da Coruña, os señores medio brutos, porcos… É un pouco iso, volver lembrar ese tempo e imos xogando con todos eses personaxes. Durante unha hora e cuarto ou algo máis intentaremos que a xente de Ourense se escaralle de risa.

Haberá moita improvisación?

Moitísima. O único que se mantén son as parellas de personaxes, pero non hai un guión. Estamos xogando todo o tempo, partimos da improvisación.

Botan de menos aquela etapa tan creativa?

Eu non a boto de menos. Dentro do malo, foi unha época feliz por estar na casa e desfrutar do tempo e da familia, porque é algo que non teño habitualmente. Pero as cousas son cando teñen que ser e o desfrutado, desfrutado está.

Está con outros proxectos en marcha?

Sigo xirando co monólogo “Aquí Tou!” por Galicia.

Cal é o truco de enganchar ao público galego? Que lle funciona?

Eu non teño trucos, intento pasalo ben eu. E si que hai xente que o pasa ben véndonos. Eu intento, cando estou traballando, desfrutar e pasalo ben. Canto mellor o paso eu, teño a sorte de que mellor o pasa o público. A fórmula non sei cal él.

Cre que hai público novo nos seus espectáculos ou xa os coñecen ben?

Eu creo que toda a xente que vén sabe quen somos. Será unha hora e pico de risas. O que intentamos  con cada espectáculo é que a xente teña ganas de volver.

Te puede interesar