Unha educadora atenderá ós nenos de Piñor á saída de clases

O Concello de Piñor organiza, por quinto ano consecutivo, o servizo Familias Tardías. Durante os catro cursos anteriores, o programa obtivo gran interese e participación por parte das familias do concello, obtendo nas enquisas de avaliación unha valoración moi positiva, tendo en conta que é unha boa ferramenta para a conciliación da vida familiar e laboral e tamén para promover que os cativos teñan un hábito de estudo diario e un apoio profesional.

O programa permite que un profesional da educación atenda ós cativos unha vez rematada a xornada escolar, de 18,00 a 20,00 horas, fomentando con elo a tranquilidade das familias traballadoras.

Entre as tarefas que se levan a cabo, as autoridades locais destacan a realización dos deberes escolares diarios, aula de internet dispoñible para consulta e espazo de lectura. Ademais, os cativos poden cambiar a parada de autobús no centro educativo, de forma que xa acoden ó local de Familias Tardías directamente dende a saída do centro escolar.


OUTUBRO

Este ano, o programa dará comezo o vindeiro 1 de outubro e toda persoa interesada debe comunicalo en Servizos Sociais ata o día 30 de setembro como máximo, para así planificar axeitadamente o inicio do proxecto.

Neste eido, o concello convoca a tódalas familias a unha reunión informativa sobre o programa que terá lugar o próximo 26 de setembro, ás 13,30 horas, no Salón de Plenos, sendo moi importante que asistan á mesma para coñecer como se vai a desenvolver o proxecto durante este curso.

Te puede interesar