Máis de medio millar de centros integrados no Plambe

O CEIP Padre Feijóo de Allariz é dende a convocatoria 2012 un dos centros integrados ao plan de mellora de bibliotecas escolares

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria daralle un novo impulso á rede galega de bibliotecas escolares a través do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), que sumará o vindeiro curso 20 centros de ensino seleccionados entre as 151 solicitudes presentadas.

Deste xeito, formarán parte do programa 524 colexios e institutos públicos, 300 (134 % máis) máis dos que había ao inicio da lexislatura pasada; demostrando unha vez máis a aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia polo ensino público de calidade. Non en balde, no curso 2012/2013 acollíanse a esta iniciativa o 65% dos IES de Galicia, o 60% dos CEIP de máis de 6 unidades; así como o 60% dos centros públicos integrados (CPI), nos cales estuda maioritariamente alumnado de zonas rurais.
Así pois, e a pesar da crise, a Consellería mantén o reforzo e fomento da actividade lectora por medio do Plan LÍA 2010-2015 de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; que logrou converter aos centros de ensino galegos en referentes a nivel nacional, recoñecidos con diversos premios ás súas boas prácticas.
A incorporación dos colexios e institutos a este plan supón un apoio extra por parte da Administración educativa para a actualización dos fondos bibliotecarios, a renovación do mobiliario e doutros equipamentos necesarios para a prestación dos servizos da biblioteca. O crecemento deste programa é froito dunha implicación conxunta dos docentes e os centros educativos por unha banda, e da Consellería pola outra, en prol dunha dinamización efectiva das bibliotecas escolares como espazos para a alfabetización informativa e a formación lectora do alumnado e mesmo das súas familias, a través de iniciativas como as ‘Mochilas Viaxeiras’ ou os clubs de lectura, favorecendo a aprendizaxe e o lecer.
Esta nova incorporación de centros ao Plambe súmase á iniciativa, tamén dentro do Plan Lía, ‘E-Lectores nas bibliotecas escolares’, a través da que un total de 115 bibliotecas escolares contarán o próximo curso con lectores electrónicos. Cómpre lembrar que a Consellería fixo un importante esforzo económico para ampliar o proxecto, posto en marcha o pasado mes de novembro. Así, ademais dos 25 centros que xa recibiron os dispositivos, o departamento educativo da Xunta de Galicia achegará aos centros de ensino recursos para a adquisición de e-lectores, co fin de continuar reforzando a competencia lectora en formato dixital. O obxectivo é apoiar aos centros educativos diante das transformacións que se están a producir na forma de presentar os textos, en boa medida relacionadas coas novas tecnoloxías.
Para a selección dos centros valorouse especialmente o compromiso da comunidade educativa coa biblioteca como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, de acordo coa memoria presentada no curso 2011/2012 ou co proxecto presentado para a súa incorporación no Plambe. Así mesmo, dase prioridade aos centros instalados en zonas rurais, procurando unha distribución por todo o territorio galego.
Este proxecto é unha oportunidade para que o alumnado teña acceso a estes recursos electrónicos, aínda en pleno desenvolvemento, e as diferentes experiencias lectoras que ofrecen. Do mesmo xeito, o profesorado poderá familiarizarse cos E-lectores e afondar nas súas posibilidades para o traballo na clase, para o préstamo e para o fomento do hábito lector entre os estudantes.

ESPAZO INTEGRADOR
O Plambe nace da necesidade de dar o peso que as bibliotecas escolares merecen como espazos integradores nos centros de ensino, salas nas que, máis aló das tarefas de clase, as alumnas e alumnos poden aprender a utilizar os diferentes recursos e soportes, libros, materiais audiovisuais, recursos dixitais, etcétera, para o seu enriquecemento académico e persoal. Ademais, estes espazos están a funcionar como canle para a integración nos colexios e institutos das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), ofrecendo a posibilidade de acceso aos bens culturais, independentemente do estrato económico, social e cultural de procedencia, actuando así como un axente de compensación social. Neste senso, cómpre ademais salientar o seu valor na capacitación do uso das TIC por parte do alumnado.

No tocante aos centros de ensino incorporados ao Plambe en Ourense sumaban un total de 44 nas convocatorias 2005-2011. Os centros escollidos repártense por toda a provincia, pola zona de Riós, Ramirás, Verín, Viana do Bolo, Xinzo de Limia, Vilar de Barrio ou San Cristovo de Cea.
Os Centros integrados no Plan de melloras de bibliotecas escolares na convocatoria 2012 en Ourense foron sete. Esto é, no pasado curso sumáronse a esta iniciativa da Xunta de Galicia os CEIP Padre Feijoo de Allariz, Xoaquín Lourenzo Xocas de Bande, o Plurilingüe O Ruxidoiro de Barbadás, o de Castrelo do Val ou o Virxe do Camiño de Rubiá. A estes centros súmanse o IES 12 de Outubro e o CRA Amencer de Ribadavia.
Os centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2013-2014 son tres, dous institutos e un centro de Educación Infantil e Primaria. O IES San Mamede de Maceda e o IES O Couto por unha banda e o CEIP Padre Crespo de Xunqueira de Ambía por outra. Deste xeito e sumados ao resto das provincias galegas, o Plambe vén de incorporar un total de 20 centros máis para este curso escolar e no tocante ao proxecto e-lectores amplíase a 90 centros máis. Ambas inciciativas enmárcanse no Plan Lía 2010-2015 de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe, que converteu aos centros galegos nunha referencia a nivel estatal. n

Te puede interesar