REPORTAXE

A outra historia da gaita de fole escríbese na casa de Risco

Relatar e dar a coñecer a outra historia da gaita de fole. Aquela que amenizaba actos da nobreza europea, é o obxectivo do músico Paulo Gonçalves que fixou na sede da Fundación Vicente Risco en Allariz o nacemento de Esemble Hotteterre

Nos salóns e espazos de recreo da casa familiar dos Risco en Allariz, sede da fundación que leva o seu nome, soa cada terceiro fin de semana de mes o son máis erudito da gaita de fole. Trátase da escenificación e a reivindicación da gaita no seu ámbito máis serio, un proxecto no que o músico Paulo Gonçálves leva traballando moito tempo e que, motivado pola colaboración altruista da fundación que lidera Luis Martínez Risco, está a ver a luz na vila do Arnoia.

"A gaita é un instrumento que tivo unha dimensión popular, pero simultáneamente entre os séculos XI e XVIII, foi utilizaba pola nobreza nas cortes europeas", relata Gonçalvez que, para amosar esta outra historia da gaita de fole, impulsou a agrupación Ensemble Hotteterre para tocar o amplo repertorio que aínda se conserva. "Nós tocamos en interiores e o instrumento é moito máis intimo, soa diferente. A miña avoa dicía que coa miña gaita non fas unha festa, que non bailaría ninguén porque, no exterior, non se escoita", recoñecía Gonçalves.

A fusión entre ambos xurdiu case de casualidade. "Realmente eu xa viña traballando na tentativa de dotar á gaita de fole do espazo que xa tivo antes dos anos do 1800, cando desapareceu dás élites culturais", relata Paulo Gonçalves, que agradece como, a raíz dun seminario sobre a gaita na música erudita, Martínez Risco lle brindou a posibilidade de dispoñer dun espazo para o ensaio e promoción do instrumento máis arraigado da cultura galega.

Para a fundación alaricana "é moi importante apoiar un proxecto orixinal, de calidade e que non é algo puntual, senón que terá continuidade no tempo", subliñaba Luis Martínez Risco, quen comentaba con satisfacción como "a xente que controla do asunto felicitounos por ter apoiado este magnífico traballo de Paulo". Emocionado, o máximo mandatario da fundación confesaba que "si lle preguntaran a Risco diría: 'Adiante con elo. Esto é o que hai que apoiar', porque é moi importante que xente nova lidere proxectos tan clásicos con conciencia de país".



papel dos conservatorios

Neste proceso de dignificación da gaita no seu ámbito máis culto, máis ilustrado, Gonçalvez cre necesario a implicación dos conservatorios. "Cando se introduciu a gaita nos conservatorios, alá polo ano 2000, foi un éxito, un avance para a sociedade, pero penso que non se reflexionou o que implicaba", explica este músico que formou parte da primeira promoción de ensino de gaita e sin querer desmerecer a labor de ninguén, matiza que "non pode ser que en 14 anos de carreira se estude o mesmo que o que fan ás asociacións como diversión".

A necesidade de estudo desta "cara b" da gaita, a súa forma de tocar, o seu son e dinámica, é unha reflexión que, pouco a pouco, empezan a facerse moitos gaiteiros, sobre todos nos alumnos dos conservatorios que pensan que é inútil limitar o estudo da gaita á interpretación de muiñeiras, pasodobles ou jotas, porque para eso non fan falta anos de formación. "Pero a reivindicación é pequena, porque implicaría cambios moi grandes para todos", asegura Gonçalves.

Nese proxecto de recuperar ese espazo para a gaita que estaba esquecido na Galiza, Gonçalves tamén puxo en marcha en Allariz un curso de especialización en interpretación "Officina Utricularii", á que asisten gaiteiros alaricanos e doutros concellos da provincia, de Vigo ou incluso de Valladolid.

Te puede interesar