Parada de Sil terá en 2017 un presuposto de 961.000 euros

As contas do ano que ven foron aprobadas por unanimidade polo Pleno da Corporación municipal.

O Concello de Parada de Sil xestionará no vindeiro ano de 2017 un presuposto de 961.000 euros, o que supón 21.500 máis que no presente exercicio. As contas do ano que ven foron aprobadas por unanimidade polo Pleno da Corporación municipal.

A alcaldesa, Yolanda Jácome, fixo unha exposición pormenorizada das contas e amosou a súa satisfacción polo feito de que a partida máis cuantiosa, cerca do 33% dos presupostos, será destinada a inversión en obra nova, á que se suma o destinado no capítulo 2 a mantemento e mellora da rede viaria municipal, que tamén terá un aumento notable.

Tamén se aprobou por unanimidade unha moción do grupo socialista, na que se pide ao Estado que permita que o Concello gaste o que ten en caixa pois, segundo dixo a alcaldesa, "non parece moi razoable que tendo cartos en tesourería e habendo necesidades da veciñanza que satisfacer, non se poida gastar ese diñeiro".

A alcaldesa tamén deu conta de que o posto do concelleiro do PP Martín Amaro, non foi cuberto, pois os tres seguintes da lista renunciaron a asumir o mesmo.

Te puede interesar