TRIVES

O pleno de Trives abordará o xoves a renuncia do alcalde

photo_camera Francisco José Fernández Blanco.

O rexedor afirma que "as miñas ideas non son as mesmas" que as dos outros membros do seu grupo 

nO pleno da corporación municipal de Trives abordará o próximo xoves, 21 de decembro, a renuncia de Francisco José Fernández Blanco á alcaldía e ao cargo de concelleiro. Así se recolle nunha notificaciòn difundida onte desde o Concello, pola que se convoca aos concelleiros a unha sesión extraordinaria do pleno cun único punto na orde do día: "Tomar coñecemento das renuncias de Francisco José Fernández Blanco dos cargos de alcalde e concelleiro deste Concello".

Simultaneamente a esta convocatoria, Francisco José Fernández difundía un comunicado no que informaba de que "veño de presentar a miña renuncia como alcalde e á acta de concelleiro na Pobra de Trives. O xoves 21 de decembro terá lugar o pleno no que porei fin á miña vida política".

Fernandez Blanco gobernou Trives nos últimos dous anos con maioría absoluta. O seu grupo (Agrupación Trivesa Independiente -ATI-) conta con sete concelleiros na Corporación, fronte aos tres do Partido Popular e un do grupo SON.

O rexidor recoñece que as diverxencias cos seus propios compañeiros de grupo son as que lle levaron a tomar esta decisión. Sinala que "non ten sido fácil manter a independencia política coa que naceu ATI", pero engade que "cando as miñas ideas non son as mesmas que as dos concelleiros do goberno, é o momento de deixalo". Refire Francisco José Fernández "presións recibidas doutras administracions", que teñen provocado "unha fenda no grupo, producindo a deslealdade dalgún concelleiro".

“Marcho satisfeito"

Logo de analizar a tarefa que desenvolveu nestes anos e os atrancos que sufríu para levar adiante a súa xestión, Fernandez Blanco di que "marcho satisfeito polo cambio dado na política cultural e turística" e agradece "a todos os empregados municipais que teñan amosado a súa vocación de traballo para a veciñanza e a súa profesionalidade. Foi un orgullo ser o alcalde da miña vila e telo sido logrando unha maioría absoluta presentándonos como o que era ATI, un grupo de veciños que quería cambiar Trives".

Te puede interesar