70% de mulleres con cancro ovario sofre recidiva, din especialistas en Galicia

70% das mulleres con cancro de ovario sofren unha recidiva despois do tratamento de primeira liña, segundo foi posto de manifesto no I Curso da Fundación Escola Galega de Oncoloxía (Fego) celebrado en Santiago de Compostela.
'Intentamos converter o labor en equipo e a interacción entre relatores e alumnos nos eixes principais da metodoloxía deste curso', sinala nun comunicado a doutora Isabel Lorenzo Lorenzo, especialista en Oncoloxía Médica e titora de MIR del Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP).

'Por iso, ademais das conferencias maxistrais por especialistas en cada campo, os propios alumnos tiveron que elaborar e expor temas específicos relacionados co contido do curso, para seren posteriormente avaliados en todos os seus aspectos por un tribunal', explica.

As enfermidades abordadas nesta primeira edición do ciclo foron os sarcomas e o cancro de ovario, dúas neoplasias pouco frecuentes mais de moi elevada mortalidade.

'Do mesmo xeito que noutras áreas da Medicina, é difícil encontrar programas formativos específicos para patoloxías de menor frecuencia como estas', comenta Lorenzo.

Con respecto ao cancro de ovario, a especialista destacou especialmente a importancia da cirurxía regrada inicial como 'pedra angular do tratamento e a indicación en tempo e forma de tratamentos complementarios adecuados'.

O doutor Juan Cueva Bañuelos, do Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), pronunciou a conferencia 'Algoritmo de tratamento no cancro de ovario e tratamento da paciente parcialmente platino sensíbel'.

Durante o seu relatorio, o especialista indicou que 70% das mulleres intervidas cirurxicamente e tratadas en primeira liña do seu cancro de ovario sofren recidiva.

'É entón cando se recorre a outros tratamentos de rescate, que adoitan ser paliativos en moitos casos', apunta. Estas pacientes divídense en dous subgrupos: as platino sensíbel (tardan máis dun ano en recaer) e as platino resistentes (tardan menos de seis meses en recaer).

'Nos últimos anos xerouse un interesante debate ao redor da abordaxe dos casos que recidivan entre os seis meses e o ano, debido fundamentalmente á utilización de novas combinacións de fármacos', engade.

O doutor Juan Carrasco Álvarez, oncólogo do CHUVI e membro do Grupo Español de Investigación en Sarcomas (GEIS), pronunciou unha conferencia sobre 'Sarcomas de partes brandas: Tratamento da enfermidade localmente avanzada e metastática'.

Insistiu na importancia de definir claramente os obxectivos do tratamento tanto en duración como en calidade da vida dos pacientes, e sinalou a conveniencia de utilizar os fármacos máis eficaces e activos en cada momento.

O sociólogo Alfredo del Campo pechou o curso cunha conferencia titulada 'Introdución e conceptos de custo-efectividade no tratamento farmacolóxico do cancro'.

A doutora Begoña Campos Balea, directora da FEGO e membro do Servizo de Oncoloxía Médica do hospital Lucus Augusti, mostrouse ilusionada, informa a nota, con este primeiro proxecto da FEGO, que nace coa vocación de ter carácter permanente no referente á formación médica continuada dos facultativos médicos galegos.

En Galicia hai dez centros hospitalarios, dos que só catro deles contan con programas docentes para MIR en Oncoloxía Médica (A Coruña, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela) e os dous últimos tamén en Oncoloxía Radioterápica.

'É indispensábel a aprendizaxe continua posterior ao período de residencia porque a Oncoloxía muda rapidamente. Debido a que a situación asistencial é algo precaria, no sentido de que hai poucos oncólogos para unha enorme carga asistencial, pois conseguir formación continuada sen saír de Galicia pensamos que é unha gran vantaxe para todos', asegura.

Te puede interesar