Inclúe unha fotografía descoñecida de Rosalía, un autógrafo e unha carta dirixida á poetisa

Aparece unha primeira edición inédita de 'Cantares Gallegos'

Anxo Angueira, presidente da Casa Museo, mostra o exemplar 'descuberto' en Vigo. (Foto: VICENTE ALONSO)
O mundo rosaliano está revolucionado.
Apareceu unha primeira edición de 'Cantares Gallegos' moi especial. Anxo Angueira, presidente da Casa Museo de Rosalía de Castro, presentou onte ante os medios a nova adquisición da Fundación coa financiación da Barrié. Angueira non ocultaba a súa satisfacción: 'É un día moi feliz, unha gran xornada, porque ésta é unha xoia que engade luz sobre o estudo da repercusión que a obra de Rosalía tivo nos seus contemporáneos'. A importancia do libro radica en que foi modificado polo seu primeiro propietario, Ramón Segade, que incorporou unha fotografía descoñecida de Rosalía feita por María Cardarelly, un poema autografado pola autora e que é o único que se conserva coa súa letra, e un manuscrito de Segade onde reproduce a resposta da poetisa Fernán Caballero ao exemplar adicado.

A descuberta e a compra do exemplar tivo lugar na contorna da exposición 'No principio foi o verso' que se mostra na sede viguesa da Barrié polos 150 anos da publicación de 'Cantares Gallegos' e que 'da, di Angueira, proba da repercusión social que está a ter'. Un veciño da cidade (quen prefire permanecer no anonimato) púxose en contacto coa Casa Museo para ofrecer un exemplar tras visitar a mostra. O coste da adquisición, 'moi razoable' por Angueira, tampouco trascendeu. O exemplar amosarase en Vigo ata o 15 de septembro e logo irá á Casa Museo en Padrón.

A fotografía, en bo estado de conservación, non se coñecía. Pertence á mesma serie da que se expón en 'Ao principio foi o verso' que Cardarelly lle fixo en 1863. En canto a carta de Fernán Caballero, sabíase da súa existencia, pero non se atopara.

Te puede interesar