'A amizade protexe e o amor cura, o odio contaxia e fire, a indiferenza mata. Apliquemos estes versos á nosa lingua'. A poesía de Lois Pereiro tamén saiu á rúa nas protestas organizadas pola plataforma 'Queremo

Aplicar versos á lingua

Suso de Toro (centro) no acto de Queremos Galego en Santiago. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
Reclamar o seu dereito a viviren en galego. Esta foi a principal petición das persoas que participaron nas protestas convocadas en máis de 50 localidades pola plataforma 'Queremos galego'. O acto central, en Porta Faxeira, en Santiago de Compostela, contou coa participación de diversas personalidades do ámbito deportivo, político e cultural, como a deputada do BNG Ana Pontón e o candidato do Bloque á alcaldía do municipio, Rubén Cela; escritores como Suso de Toro, Rosa Aneiros e Marilar Aleixandre; ou varios voceiros da plataforma, como o presidente de A Mesa, Carlos Callón e o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao.
Dende o atril instalado pola entidade en Compostela, no que varios destes representantes recordaron a figura de Castelao e fixeron lectura dos seus textos, Callón instou ao Goberno autonómico presidido por Alberto Núñez Feijóo a que 'cese nos seus ataques contra o galego', que están a 'debilitar gravemente a convivencia e a cohesión social do país'. Neste sentido referiuse á ofrenda de 'puro cinismo' ante a tumba do galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, realizada o luns pasado polo presidente da Xunta, a quen comparou como 'unha persoa que lle di á súa moza que lle quere moito pero non lle leva flores, en realidade, nin a saca de paseo e nin a trata con cariño'.


'SE QUERE A CASTELAO'...

'Obras son amores señor presidente da Xunta. Se quere a Castelao saque a súa obra pictórica dos faiados, desenvolva a súa lingua, promova a súa obra', advertiu o presidente da Mesa, ante o aplauso de máis de 200 persoas entre as que se atopaban, ademais de particulares, representantes de sindicatos estudantís e de Galiza Nova.

Pola súa banda, o ministro de Xustiza e presidente provincial do PSdeG de A Coruña, Francisco Caamaño, rexeitou 'castellanizar' topónimos, antes de recordar ao PP que 'non existe Desván de los Monjes', como bautizou por erro o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, á localidade coruñesa de Sobrado dos Monxes, e que tampouco existe 'El Nido del Águila'.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) publicou a obra 'Vivir un soño repetido', un libro homenaxe da entidade ao poeta Lois Pereiro. O libro está composto da colaboración inédita e orixinais elaboradas polos autores que se integran na entidade.

Os actos en homenaxe a Pereiro chegaron ata Tokio, onde o Instituto Cervantes acolleu a actuación do colectivo artístico 'Tender a man'. Trátase dunha proposta que mestura danza, música contemporánea en directo con poesía, que contou coa participación de Isaac Garabatos, Branca Novoneyra, Mónica de Nut, Jesús Andrés e Yolanda Castaño.

Te puede interesar