Os irmáns Bolechas e o seu can, Chispa, inician unha nova xira este Nadal por toda a xeografía galega. O espectáculo 'Os Bolechas fan unha banda' chegará, do 22 de decembro ao 8 de xaneiro a un total de once localidades.

Os Bolechas vanse de xira

Tatá, o máis novo dos Bolechas, e o seu can Chispa, ante os vehículos xa preparados para a xira.
Os Bolechas comezan esta fin de semana a súa xira de Nadal que levará os populares irmáns por once cidades e vilas galegas. Os famosos personaxes creados por Pepe Carreiro utilizarán o seu habitual R4, pero para esta gran xira van precisar dun vehículo adaptado as necesidades de tan importante espectáculo, así que estrearán unha caravana moi especial.
A primeira parada dos Bolechas será este domingo en Vilagarcía de Arousa, onde estrearán a nova función, 'Os Bolechas cantan con Lady Vina', un musical no que se poderán escoitar algunhas das cancións do disco 'Os Bolechas fan unha banda', no que participan dez dos grupos e intérpretes galegos máis relevantes do actual panorama musical.

Para poder cantar, Os Bolechas terán que lidar coa terrible Lady Vina, que quere sacalos do medio para lucir a súa sensacional voz; pero non o vai conseguir, e para iso será fundamental a axuda do público que asista os seus espectáculos.

Entre as sorpresas desta xira está a posibilidade de ver os Bolechas da tele, os monicreques, que sairán a escea cos manipuladores á vista, algo moi novidoso no espectáculo. Xunto con eles haberá actores que darán o contrapunto aos bonecos construíndo unha historia coral e especialmente divertida para todos os públicos.

No espectáculo que xirará por toda Galicia destaca a calidade do elenco artístico 'moi experimentado posto que é o mesmo que manexa os monicreques para a serie da TVG', pero tamén do elenco técnico, no que figuran nomes como os de Eduardo Alonso ou o dramaturgo José Prieto, gañador de varios premios María Casares e Max. Na dirección está Santi Prieto.

As entradas para asistir a representación dos Bolechas poden adquirirse na páxina web www.servinova.com ou no teléfono 902 504 500 ao prezo de 12 euros. Ademais, nos teatros e auditorios onde se represente o espectáculo haberá un posto de venda de produtos dos Bolechas que se poderán adquirir a prezos moi rebaixados coa entrada do espectáculo.

A xira de Nadal dos divertidos persoaxes galegos os que deu vida Pepe Carreiro empeza este domingo en Vilagarcía de Arousa e pasará posteriormente por Pontevedra (23 de decembro), Vigo (día 26), Burela (27), Santiago (30), Cangas (2 de xaneiro), Ourense (3 de xaneiro), Narón (día 4), Lugo (día 6), A Coruña (día 7) e Vilalba (8 de xaneiro).

Te puede interesar