“Dahmer”: destripando o true crime

Probablemente estamos a vivir unha tempada cun sobreexceso de películas, ficcións e documentais, “cintas de…” e outras creacións seriais, inspiradas en crimes e asasinos. Dentro dunha macrooferta que cada día parece gañar mais público, non todo vale. En moitos casos, esas producións non van máis aló do turismo macabro.

Borda os limites dese territorio, pero desmarcándose, a miniserie de 10 capítulos Monstruo: la historia de Jeffry Dahmer, estreada recentemente en Netflix. Confirma a tendencia do público cara a un determinado produto; está entre as 10 series máis vistas da plataforma e, en España, segue na cima do ranking. Pero, a pesar do título, Monstruo non se centra exclusivamente sobre a biografía do coñecido “carniceiro de Milwakee”.

A vida de Dahmer está contada cunha gran riqueza de datos. Está a súa infancia e adolescencia, ademais desentraña o “modus operandi” dos seus crimes. Pero non só iso. Monstruo é unha obra multiprospéctica que, con continuos saltos de tempo, relata os acontecementos desde diferentes puntos de vista. É unha miniserie de ficción “true crime” onde o papel das vítimas e dos seus familiares ten un peso importante. Máis aló duns capítulos que se desenvolven case enteiramente nunha atmosfera enfermiza e pestilente, hai outros onde o protagonismo está tomado polos protagonistas silenciados da historia. Mesmo se abre unha reflexión bastante crítica sobre a discriminación racial, que tivo a súa máxima expresión no papel neglixente dos axentes do departamento de policía de Milwakee. Tamén destaca o retrato dunha sociedade estadounidense na que se valora moi pouco a saúde mental e que, diante dun problema psíquico ou comportamental, prefire apoiarse en crenzas irracionais.

A historia de Dahmer foi levada á pantalla xa noutras ocasións, con resultados moi discutibles. Quizais o mellor foi a longametraxe Mi amigo Dahmer (2017) de Marc Meyers, inspirada na novela gráfica de Derf Backderf que foi compañeiro de instituto do asasino nos anos setenta. Contar a historia desde unha perspectiva diferente, ademais fotografando o contesto social, foi un dos obxectivos desta nova miniserie e resulta bastante logrado. Entre os creadores figura Ian Brennan (Scream Queens ou Glee) pero sobre todo Ryan Murphy (American Horror Story, Nip/Tuck ou Ratched). En dirección hai nomes como Jennifer Lynch, Paris Barclay, ou o expoñente máis vándalo do New Queer Cinema, Gregg Araki, mesmo directores de fotografía como Jason McCormick e John T. Connor que recrean unha posta en escena formalmente excelente. Ademais está un reparto notable no que sobresaen Evan Peters (Jeffrey Dahmer), Richard Jenkins (Lionel), Penelope Ann Miller (Joyce) e Niecy Nash (Glenda Cleveland). A escura banda sonora está composta por Nick Cave e Warren Ellis, e tamén resulta moi eficaz o utilizo obsesivo de temas como Please Don’t Go de KC and the Sunshine Band para subliñar a incapacidade de Dahmer para aguantar a frustración derivada da sensación do abandono.

Monstruo: la historia de Jeffry Dahmer é unha serie sombría, perturbadora, macabra e desgarradora. Un produto de terror real que se destaca doutros que se moven no mesmo territorio porque non se retroalimenta no morbo, abre a porta ao relato das vítimas e tamén funciona como denuncia social.

Te puede interesar
Más en Sociedad