Cinco mil persoas participaron na campaña, que se puxo en marcha o pasado día 6 de marzo

Éxito dun videoxogo do Inega deseñado para aforrar enerxía

Intervención do director do Inega, Eliseo Diéguez, no acto de entrega de agasallos da campaña. (Foto: )
'Ser eficiente significa facer máis con menos.
E así o fixemos co videoxogo interactivo 'Se enerxía queres aforrar pola túa casa debes empezar', como se demostra nas máis de 5.000 persoas que desde o pasado 6 de marzo completaron este xogo virtual que estivo accesible a través de medios dixitais e de redes sociais como Tuenti ou Spotify'. Así o subliñou onte o director do Inega, Eliseo Diéguez, no acto de entrega de agasallos aos gañadores do sorteo correspondente á campaña divulgativa e de sensibilización sobre o aforro e a eficiencia enerxética que o Inega puxo en marcha con motivo do 'Día Mundial da Eficiencia Enerxética', o pasado 4 de marzo.

O sorteo realizouse entre o conxunto de persoas que realizaron axeitadamente o xogo entre o 6 e o 25 de marzo, datas nas que estivo activa a campaña de aforro que o Inega puxo en marcha con motivo do 'Día Mundial da Eficiencia Enerxética'. A rifa realizouse de xeito aleatorio pola propia aplicación como garante de obxectividade. Os agasallos, únicos e intransferibles, consistiron en 10 bicicletas, 12 cepillos dentais solares, 30 papaventos, 20 monopatíns, 10 patinetes e 20 táboas de bodyboard.

O director do Inega destacou 'a receptividade que tivo esta campaña de concienciación cidadá desenvolvida a través das novas tecnoloxías, mediante a que promovemos o aforro da enerxía con pautas sinxelas recollidas nun videoxogo, no que o usuario, da man dos protagonistas Super-E e a Familia Efi, construíron un exemplo de casa modelo de aforro e eficiencia enerxética'.

Asemade, asegurou que a iniciativa foi 'todo un éxito' e dixo estar 'satisfeito polo grao de participación e mesmo pola procedencia dos visitantes, de 44 países e de 99 cidades diferentes, chegados desde lugares tan remotos como Finlandia, Mozambique, Uruguai ou os Estados Unidos'.

Te puede interesar