Los Fabelman de Spielberg

A nostalxia foi un dos efectos colaterais xerados pola pandemia. Moitos cineastas deixáronse atrapar por ela e durante os últimos dous anos case tomou como refén a carteleira. O primeiro en deixarse levar foi Kenneth Branagh con Belfast, logo Paolo Sorrentino con Fue la mano de Dios, e aínda Paul Thomas Anderson con Licorice Pizza... 

E poderíamos incluír nesta categoría as revisitacións de épocas pasadas, como a recentemente estreada Babylon, e os múltiples remakes. Sensibilidades diferentes, xéneros dispares, pero todas miradas confinadas no amarcord, entre a nostalxia e o déjà vu. Non falta a esta cita Steven Spielberg e faino coa película semiautobiográfica Los Fabelman. O mesmo cineasta invítanos cunha simpática videomensaxe antes dos créditos a disfrutar da súa película “máis emotiva e persoal”.

O tema da nenez sempre foi algo recorrente na filmografía do director de E.T., pero esta vez, Spielberg atrévese a falar directamente da súa propia. Ambientada a finais da década de 1950 e principios dos anos 60, o filme segue as vivencias da familia Fabelman paralelamente ao nacemento da vocación dun cineasta. Sammy Fabelman é o nome ficticio do personaxe real do director. 

O maior espectáculo do mundo de Cecil B. DeMille –a escena do choque do tren cun coche- selará a sensibilidade do neno cara o cine de acción ou cine-catástrofe, un xénero moi estadounidense, explorado polo mesmo Spielberg. 

Pero será máis adiante, traballando na moviola dunha filmación caseira, que o rapaz, xa adolescente, descubrirá un choque moito mais dooroso: un segredo familiar que o marcará para sempre.

Máis aló dunha paréntese na cal intentou afastarse del, o cine é o refuxio e o instrumento que o rapaz utiliza para construír a súa identidade. Spielberg fainos participes deste proceso. 

Aínda que o filme céntrase máis no relato familiar. O cineasta viviu dramaticamente a separación dos seus pais, e con este filme intenta atopar unha reconciliación co seu pasado. Los Fabelman é antes de todo un relato familiar en claroscuro e logo unha carta de amor ao cine. Pero sobre todo é unha película delicada e sinceira. 

Todos os actores son extraordinarios. Michelle Williams interpreta a excéntrica nai do cineasta, concertista frustrada, e Paul Dano encarna o pragmático pai do cineasta, enxeñeiro informático. 

Hai espazo para un cameo de David Lynch que interpreta a John Ford para explicarnos a importancia de ter clara a posición do horizonte á hora de filmar. É unha anécdota real –como case todo o que relata o filme– ademais dunha lección que o cineasta demostra ter en conta na escena seguinte a ese encontro.

Dentro do macroxénero do amarcord cinematográfico que está a encher a carteleira nos últimos anos, Los Fabelman é sen dúbida unha das mellores. Tamén a nostalxia pode ser unha forma de beleza.

Te puede interesar
Más en Sociedad