Fatum

Era o destino, así semella, que Juan Galiñanes chegase a realizar esta película ideada hai case dez anos. Durante todo este tempo, o argumento quedou aparentemente durmido nun caixón -como habitúa pasar con moitos proxectos cinematográficos– pero evolucionou paralelamente á carreira do cineasta. Juan Galiñaes é un dos profesionais de referencia do audiovisual galego, pero hai moito máis. O cineasta de Cambados desenvolveu maxestuosamente as súas múltiples facetas en diferentes proxectos dentro da industria, como guionista ou montador, en películas e series de ficción, en animación e publicidade. Neste contexto, Fatum foi medrando e as circunstancias –ou o destino como xa mencionamos– fixo que a película chegase no momento perfecto ás salas de cine e que agora poidamos gozar dela.

Producida por Vaca Films e ambientada na Coruña, a longametraxe móvese no rexistro do thriller nun perfecto equilibrio entre entretemento e drama. Toca diferentes temas, pero o máis evidente é o da paternidade. Dous pais de dúas parellas de diferente status social teñen que tomar decisións extremas. A vida dun dos fillos pende dun fío mentres está en xogo un trasplante de órgano que lle salvaría a vida ao outro neno. Nas decisións morais que tomarán, nunha reflexión que oscila constantemente entre o azar e o libero arbidrio, está o corazón que move esta historia.

Fatum é un dos mellores thriller español dos últimos anos. A adrenalina mantense constante durante todo o filme e o ritmo nunca perde o pulso. Están claras as referencias ás películas de culto do xénero, pero diferénciase positivamente e profundamente con respecto a outros produtos de entretemento “made in the USA”, porque aquí o transfondo social das personaxes está moi ben contado e os escenarios son veraces.

O filme ten dúas localizacións principais, pero é sobre todo na segunda parte ambientada no hospital –o mesmo onde acabou o corazón de Esteban en Todo sobre mi madre de Almodóvar- , onde a tensión aumenta e aparece o conflito.

Fatum está completamente ao servizo dos actores e do espectador e conta cun elenco de luxo. Luis Tosar, Elena Anaya, Álex García, Aron Piper, María Luisa Mayol, Isabel Naveira, Xabier Deive, Machi Salgado, Paula Morado –e o mesmo director que se permite unha aparición case hitchockiana- son só algúns dos interpretes que aportan esa sensación de solidez á primeira longametraxe de Galiñanes. Todo está perfectamente orquestrado e percíbese unha sensación de unidade e coherencia que non sempre se pode atribuír ás películas deste mesmo xénero. E o final é sorprendentemente doce, déixanos cunha emoción positiva.

Fatum encaixa dentro do grupo de películas galegas deste ano, vistas en festivais ou en salas como Matria de Álvaro Gago, Honeymoon de Enrique Otero, Amigos ata a morte de Javier Veiga, Samsara de Lois Patiño ou Sica de Carla Subirana, que demostran o bo momento que está a vivir o cinema galego dentro dos diversos xéneros. Unha variedade importante de miradas que demostra a excelencia dunha cinematografía nas súas múltiples expresións.

Te puede interesar