Un recitado de poemas e interpretacións musicais centraron o acto que tivo lugar na vila de Padrón

Homenaxe a Rosalía no 128 aniversario do seu pasamento

Asistentes ó recital poético nos xardíns da casa natal de Rosalía. (Foto: LAVANDEIRA JR)
Un acto poético e musical serviu de marco para recordar onte a Rosalía de Castro no día en que se cumprían 128 anos do seu pasamento. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada nos seus secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, participou nesta homenaxe á escritora promovida pola fundación que leva o seu nome e que tivo lugar na Casa da Matanza, en Padrón, onde Rosalía de Castro pasou os últimos anos da súa vida.
En referencia ao recitado de poemas rosalianos e ás interpretacións musicais que centraron o acto, o secretario xeral de Cultura afirmou que este é 'o mellor tributo que o pobo de Galicia lle podemos ofrecer á escritora e á súa obra: os seus textos como base lírica da música que interpretades e creades, facer vixentes cada un dos seus versos na boca das distintas xeracións de poetas, reivindicar a actualidade da súa mensaxe e afondar no estudo da súa obra e do seu contexto para entendela e coñecela con profundidade'.

'Hoxe lembramos a Rosalía de Castro na súa morte reivindicando e facendo ver o viva que está entre nós', dixo Anxo Lorenzo, quen recordou 'os centos de iniciativas' que se veñen desenvolvendo durante este ano ao longo de toda Galicia para celebrar os 150 anos da publicación de 'Cantares gallegos'.

Cultura e Educación sumouse á conmemoración desta efeméride cun completo programa de actividades, que incluíu a organización dunha exposición bibliográfica sobre o poemario, a convocatoria do concurso escolar 'Imaxina Cantares', a colaboración con diversas edicións conmemorativas, o apoio á peza teatral da compañía Sarabela Teatro 'Os cantares das musas' e a realización do concerto 'No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía', promovido polo Consello da Cultura Galega, entre outras actividades.

Ademais, co obxectivo de apoiar a actividade desenvolvida pola Fundación Rosalía de Castro, a consellería asinou este ano un convenio coa entidade por un importe de 60.000 euros, dos cales 30.000 euros se destinaron á realización de 'No principio foi o verso. O cantar dos Cantares', exposición central coa que se celebra o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos'. O marco desta colaboración tamén abrangue a organización de diferentes iniciativas de estudo, investigación e divulgación da obra rosaliana.

Te puede interesar