É a hora do espectáculo

Os fans do baloncesto gozarán moito ao revivir unha das páxinas gloriosas da NBA

Pasaron algo máis de 30 anos dende que o xogador de baloncesto Earvin “Magic” Johnson comunicaba aos medios de comunicación que era portador do virus do VIH. A principios dos anos noventa, o VIH era unha enfermidade aínda descoñecida e, sobre todo, asociada ás minorías. O anuncio da superestrela dos Lakers cambiou a perspectiva sobre a enfermidade a nivel mundial. Ese día acabou a maxia. Se lle pasou a el, a calquera lle pode pasar, foi o pensamento global. Johnson retirouse do baloncesto dous días despois para converterse nun dos portavoces principais na loita pola concenciación sobre a enfermidade. O anuncio de Magic foi tamén o epitafio do chamado showtime, unha filosofía empresarial que misturaba un xogo rápido e atractivo no campo e un marketing vangardista lonxe da cancha. Jerry Buss-propietario dos Lakers nesta época dourada-foi o que reinventou o entretemento ata a modernidade. Participou nun momento, en 1979, no que o equipo de Los Ángeles vivía unha profunda crise e o baloncesto tiña menos audiencia que o golf.

Neses dous acontecementos clave–o triste anuncio de Johnson e a compra de Buss no 1979-, atópase a miniserie de ficción Tiempo de victoria: La dinastía de Los Lakers, estreada recentemente en HBO Max. O seu creador chámase Adam McKay. Un director que revitalizou hai uns meses o xénero apocalíptico co filme No mires arriba (2021) que conquistou ó público e, de paso, obtivo unhas nominacións aos Oscar. Agora a súa mirada volve resucitar nunha década de espectáculo dentro e fóra do campo cunha posta en escena impecable conxugando diferentes formatos, dende o celuloide, pasando polo vídeo dixital e o super-8, creando un resultado moi orixinal, un dos maiores logros de Tiempo de victoria, de feito está no seu carácter formal. Os personaxes falan á cámara e rompen todas as convencións nunha narración máis tradicional que se mestura coa reportaxe e as grabacións caseiras.

Na primeira metade da miniserie de 10 capítulos non se ve un partido. Pero o guion está cheo de referencias aos protagonistas da NBA. Ademais de Magic Johnson (Quincy Isaiah) e o excéntrico empresario Jerry Buss (John C. Reilly), atopámonos con outras lendas do baloncesto como Larry Bird (Sean P. Small), Kareem Abdul-Jabbar (Solomon Hughes) ou Pat Riley (Adrien Brody). Pero sobre todo cun retrato inédito e moi humano de Jerry West (Jason Clarke), figura tráxica en si mesma, un campión vítima da mala sorte, que probablemente non chegou a gañar o esperado. Complicado, xa que competía na mesma época dos Celtics de Bill Russell. McKay regálanos uns retratos moi logrados. Parece máis interesado nos movementos ocultos detrás da cancha e na vida privada dos seus protagonistas que nas exhibicións de baloncesto. Unha mención especial vai para o decorado que nos leva directamente a esa época. Quizais o estilo desbordante e algunhas esaxeracións de McKay non atoparán a aceptación de todo o público ou da crítica máis tradicional–como pasou con No mires arriba. Pero os fans do baloncesto–e non só eles–gozarán moito ao revivir unha das páxinas gloriosas da NBA. Con Tiempo de victoria o espectáculo está asegurado.

Te puede interesar