¡Buone visioni!

As mortes en Venecia

Na guía Venecia é un pez o escritor Tiziano Scarpa describe en poucas frases onde nace o complexo que teñen os habitantes da súa cidade natal. Venecia, desde o mapa, parece un linguado. A ponte de Venecia, que a conecta co continente, é unha sedela. Así que Venecia mordeu un anzol pero os venecianos teñen medo de que poida volver escapar. “A verdade”, escribe Scarpa, “é que xa non podemos prescindir dela. Estamos celosos. Incluso sádicos e violentos, cando se trata de reter o que queremos”.

O carácter dos veneciacios, descrito por Scarpa, está moi ben relatado en Veneciafrenia, a nova longametraxe de Álex de la Iglesia. O cineasta, sensible ao impacto ambiental e visual que o turismo masivo provocou ao arquipélago, propón unha forma extrema de vendetta. Uns cidadáns, exhaustos de compartir a súa amada Venecia cos turistas, empezan a secuestrar e a matar algún deles coa finalidade de provocar o medo e desincentivar así ás futuras visitas.

Veneciafrenia é un “slasher” case clásico, sanguento sen selo demasiado, cun toque Dario Argento xa a partir dos impresionantes créditos iniciais – utilizouse a mesma tipografía de Suspiria (1977), filme homenaxeado tamén noutra secuencia de Veneciafrenia-. Álex de la Iglesia conta a Venecia que o turista -e o espectador medio- menos se espera, co seu lado máis escuro. É unha cidade que afunde, decadente, case fantasmal, onde se fabrican extrañas apocemas e o espectro da peste segue roldando polas rúas provocando calafríos. Hai pouco espazo para o romanticismo, nesta cidade vista baixo a lente distorsionada de Rigoletto, o bufón da obra de Giuseppe Verdi citada no filme. Ao mesmo tempo, en Veneciafrenia, Álex de la Iglesia consegue transmitir unha sensación de autenticidade, afastándose do camiño do barroco e dos excesos do carnaval que levou á pantalla, por exemplo, Fellini en Casanova (1976). Isto, de feito, é un dos logros deste filme: distanciarse dunha imaxe de postal de Venecia. O outro, directamente enlazado, é o de entrar no terreo dunha cuestión controvertida, a cidade e a súa relación co turismo masivo. Veneciafrenia é un dos filmes máis políticos do director vasco. A aparición de A illa dos mortos de Böcklin –o cadro preferido de Hitler– simbolicamente enlaza moi ben eses dous conceptos: o gótico e o político.

A banda sonora de Roque Baños, acompaña estupendamente a narración, e o grupo de mozos actores está ben dirixido. Veneciafrenia é unha película que tamén ten as súas imperfeccións, pero isto faina, quizais, máis estimulante e entretida. É un giallo que non se toma demasiado en serio, ten beliscos de humor negro, en definitiva é un filme perfectamente desfrutable.

Máis aló da representación cinematográfica, xa sabemos que, afortunadamente, os habitantes de Venecia non terán que chegar a unhas consecuencias tan extremas para limitar o turismo. Hai uns días, deuse a noticia de que, a partir do mes de xullo, activarase un “pass” para poder visitala. Será obrigatorio facer unha reserva e regularase estritamente o número de visitantes. É unha medida adicional necesaria á xa aprobada prohibición de tránsito dos grandes cruceiros -algúns accidentes relacionados con eles están citados no filme-. A diferencia doutras vilas de arte, os auténticos habitantes da cidade seguirán sendo os venecianos.

Te puede interesar
Más en Sociedad