¡Buone visioni!

Os lazos de sangue

Ndrangheta é unha palabra antiga e ancestral cunha etimoloxía descoñecida. É o nome que leva a organización criminal italiana máis poderosa e feroz de Europa, actualmente activa en máis de corenta países. Ten moi pouco que ver coa mafia siciliana cinematografiada por Martin Scorsese ou Coppola, e tamén se sitúa lonxe da que describe Saviano en Gomorra. Diferénciase das demais sobre todo polos rituais ancestrais de iniciación, e polos vínculos de sangue que segue mantendo coa terra de orixe. É unha organización piramidal que, aínda cando ten filiais no estranxeiro, depende sempre dos parentes ubicados nas aldeas de orixe. Os seus negocios son o tráfico de cocaína, o lavado de diñeiro e os contratos de grandes obras públicas. Estímase que o 2,9% do PIB italiano vén dela.

É moi difícil que o Estado loite contra a ‘ndrangheta porque os vínculos de sangue non permiten romper unha tradición que une profundamente a familia, a terra e a mala vida. Pero no 2012 un revolucionario sistema xurisprudencial, adoptou outro enfoque. Decidiu separar os menores de idade das familias criminais para levalos a outras rexións de Italia, a outros núcleos familiares. Cando chegan aos 18 anos os mozos e as mozas teñen que tomar unha decisión: voltar á familia de orixe ou seguir un camiño de reintegración. Máis de 60 menores xa deixaron a Calabria e case ninguén voltou.

O cine está retratando os temas relacionados coa organización criminal menos coñecida de Italia baixo diferentes lentes. No ámbito da ficción, no 2018, Giacomo Campiotti dirixiu o biópic Hijos de la ‘ndrangheta –dispoñible en Netflix-. Agora o cineasta italoamericano Jonas Carpignano regálanos un novo enfoque. Coa súa última longametraxe Para Chiara, Carpignano pecha a triloxía calabresa iniciada con Mediterranea (2015) e seguida pola multipremiada A ciambra (2017). Ambientada en Gioia Tauro –o núcleo xeohistórico da ‘ndrangheta calabresa– Para Chiara cóntanos a historia dunha moza de 15 anos (Swamy Rotolo). A súa vida cambia despois de celebrar felizmente o aniversario da súa irmá porque, sen motivo, o seu pai desaparece. Ao atoparse o muro de secretismo da súa familia, a moza comeza a investigar pola súa conta. A medida que se achega á verdade, Chiara verase obrigada a decidir que tipo de futuro quere para ela. A incertidumbre e a inseguridade están no centro desta historia. Carpignano, grazas a un excelente traballo fotográfico de Tim Curtin, consegue meterse de cheo no mundo da protagonista, pegándose a ela, transmitindo en cada fotograma as súas emocións e a súa ansia de verdade. Explora os espazos, as rúas, os búnkers, nunha investigación documental realista que non ten medo de ensuciarse con recursos prestados do cine de misterio ou de terror.

Carpignano entende perfectamente que o vínculo de sangue é a clave para entender a ‘ndrangheta, así que traballa con actores que non son profesionais pero que teñen lazos familiares auténticos. Ademais, intrega as partes de guión directamente na rodaxe, facendo que eles mesmos conecten coa historia de forma espontánea e natural. Para Chiara non deixa de ser unha ficción pero consegue transmitir esa aura de autenticidade que, ao final, é a verdadeira esencia do bo cinema.

A busca dun compás moral levaranos, xunto coa protagonista, a tomar unha posición. Decidir cánto estamos dipostos a aceptar ou rexeitar unha realidade que, no ben e no mal, perténcenos.

Te puede interesar
Más en Sociedad