O SON DO PIÑEIRO

Roi Casal

20200911160831984_resultado
photo_camera Roi Casal navegando pola Ría de Arousa.

Como teño por costume desde hai uns anos, comezo a tempada radiofónica con Roi Casal, por aquelo de que os dous temos o convencemento de que nos dá boa sorte. Non creo que sexamos ningún dos dous demasiado supersticiosos, pero por se acaso non perdemos o costume, e así o fixemos onte pola noite no “Bamboleo” radiofónico que este ano adianta a súa emisión ás doce da noite de venres e sábados. Sí, xa xei que hai unha media horiña na que coinciden os programas televisivo e radiofónico, pero esa é a maxia do audiovisual.

E do audiovisual falei moito esta semana co amigo Roi, con quen compartín mesa, mantel e mesmo navegación pola fermosa Ría de Arousa, nun día de convivencia familiar que tiñamos pendente desde antes do meu parón sanitario. Desde que nos coñecemos, con toda a diferencia xeracional que hai entre os dous, conectamos perfectamente compartindo moitas visións musicais, culturais, de vida, e mesmo da propia idea de País, que non é pouco compartir.

Téñolle presentado a maioría dos seus discos, e sempre tivemos tempo entre bambalinas de falar da evolución dos mesmos, dos seus acertos e mesmo do que co paso do tempo vese doutro xeito. Case sempre son dos primeiros en enterarme do que vai facer nos próximos meses, cousa que lle agradezo, porque xa saben vostedes que nesto da comunicación as exclusivas páganse a prezo de ouro; por iso tamén lle quero enviar un cariño grande ao meu querido cantautor Xabier Vizcaíno, que sempre dí que calquera nova composición que presente hai de ser primeiro comigo, e así o fará esta madrugada cando estreemos o seu novo single “Camiños”, unha xoia musical que sae como adianto do novo disco que nun mesiño estará no mercado. Un novo traballo que xa lles adianto está cheo de fermosas cancións, fermosos relatos e con todo a mestura dos aires do Incio e de Latinoamérica, esa mestizaxe da que tanto gustamos por estas terras.

E de Latinoamérica e do Caribe cubano, moito falei con Roi Casal nesa xornada mariñeira, porque o magnífico disco que inspirou o querido Neira Vilas e ao que o artista de Catoira soubo darlle forma, e que forma, aínda ten moito percorrido por diante, mesmo con actuacións en directo neste “annus horribilis” no que Roi e a súa banda deron e darán algúns concertos ao ritmo de “Son Galego Son Cubano”, plantándolle cara o bicho con todas as medidas de precaución, demostrando que a pesar dos pesares pódense facer moitas cousas e que a música e a cultura non poden parar baixo ningún concepto. 

Tamén anda Roi, e a súa Productora, como neno con zapatos novos pola inauguración no mes de xullo dun Complexo de Apartahoteles de categoría superior na súa Catoira querida; “Harpazul”, que así se chama o fermosísimo complexo, recordando agradecido aquel primeiro instrumento co que entrou pola porta grande da música galega e que lle permitíu percorrer mundo formando parte de “Milladoiro”, e que ten arrecendo a música por todos os rincóns, e mesmo a súa piscina “Premium Pool” está ambientada con partes da tecnoloxía que Roi leva nos seus concertos. Pero non teñan medo que Galicia non perde un gran músico e compositor, porque tal como afirmou o día da inauguración “Nós non podemos deixar de ser unha productora musical para converternos nunha cadea hoteleira”. E ben que nos alegramos e que agardamos ansiosos pola súa nova proposta musical que non hai tardar en chegar.

Te puede interesar
Más en Sociedad