Rosalía tamén chega en libro-xoia

Imaxe promocional de “Rosalia de Castro, unha galega para un Pobo, unha Terra e unha Fala”.
photo_camera Imaxe promocional de “Rosalia de Castro, unha galega para un Pobo, unha Terra e unha Fala”.
Teófilo Edicións lanza un estoxo de luxo con tres obras da autora de Padrón, dos que xa leva vendidos 1.500 exemplares para agasallos de institucións e empresas e pretende presentar ademais aos Premios Nacionales de Edición.

José Luis Teófilo ten publicados máis de 550 títulos co selo Teófilo Edicións, unha das patas dunha empresa maior e moi ambiciosa, Teófilo Comunicación. Leva 36 anos no negocio da publicidade, o deseño e a edición. “Nesta compañía facemos todo iso e tamén comunicación para empresas, montaxe de eventos e mesmo temos unha marca de roupa, Jacobsland, inspirada no Camiño, claro”, conta. A roupa é o último sector no que proxectou un xeito de facer moi persoal, “arraigado no país, no noso”. A través da roupa están facendo algo que xa facía nas outras liñas do negocio, di, “poñer en valor as iconografías tradicionais de Galicia”.

En tres décadas levan desenvolvido xa máis de vinte mil traballos, unhas cantas leguas nunha viaxe sempre pegada ao Camiño “e aos nosos clientes, que son empresas e institucións galegas”.

Agora veñen de editar “Rosalía de Castro, unha galega para un Pobo, unha Terra e unha Fala”, un estoxo con catro libros. Tres son obras de Rosalía: Cantares gallegos, Follas Novas e En las orillas del Sar, e o cuarto volume é una biografía da autora.

“Todos os nosos libros teñen algo especial. Os libros son tamén o papel, as cubertas, o tacto, o olor do papel, as cores das ilustracións. Como este, que é un libro-xoia”, explica o editor. “É un agasallo que vai envolvido no seu propio paquete, e cunha edición moi coidada e limpa, non retocamos os textos orixinais desas primeiras edicións que están na RAG ou na Fundación Rosalía”.

Na estela

Teófilo quixo que o traballo de edición seguise dalgún xeito a estela de Rosalía. Así, os libros imprimíronse en Padrón. E despois percorreron varias leguas. “Coseuse en Compostela, e despois mandouse a Barcelona para que compoñer eses cantos en ouro, como o dos libros de igrexa, e foi alá porque é o único sitio no que se fai este tipo de traballo en España”, conta o editor, e prosegue: “Volveu para Compostela e pasou por Vigo para facer os estampados, e mandámolo a Porto, porque xa non temos encadernadores en Galicia, e o estoxo que envolve todo fíxose en Valencia”. A idea, o deseño, as ilustracións e o gusto pola excelencia son cousa da empresa familiar -con Teófilo traballa tamén a muller e dúas persoas máis, e espera que pronto se incorpore un fillo.

Unha avanzada

O papel do libro-xoia é tamén un papel especial, “libre de cloro”, apunta Teófilo. E inclúense ilustracións con follas de árbores do país, e cunha pequena capa de verniz para que resalten. A flor do toxo aparece tamén na banda da caixa. Son motivos do país para enaltecer a gran escritora nacional, da que Teófilo lembra que foi “unha avanzada”, non só polo seu impacto literario, senón tamén “por ter sido unha abandeirada da igualdade e da lingua”.

O libro vai ser presentado aos Premios de Edición. É un traballo artesanal, insiste Teófilo, porque todo xorde nese taller familiar que é a editorial. “Claro que despois a produción ten que pasar por máquinas que nós non temos”. A difusión, a última peza da cadea, tamén volve ser cousa da empresa.  

“Hai anos que topamos un oco no mercado de libros, o deste tipo de edicións coidadas, de luxo. E xa tivemos certo éxito con caixas como a da Constitución española e os estatutos de autonomía -que incorporaba todos os textos constitucionais da historia de España-, que son para clientes institucionais. Mais tamén están outro tipo de libros, coma este de Rosalía, que son axeitados para agasallos e chegan a outra clientela”, explica o editor.

A tirada inicial de Rosalía de Castro, unha galega para un Pobo, unha Terra e unha Fala foi de mil exemplares (caixas). Esgotouse nunhas semanas. Houbo compras de institucións, mais tamén de empresas, por exemplo, unha moi coñecida en Padrón. A segunda tirada foi de 500 exemplares, por encargo. E está en marcha unha terceira, doutros mil exemplares, nun formato algo máis pequeno, “que colla na equipaxe de man dos avións”, indica Teófilo.

O estoxo pódese adquirir na web de Teófilo Comunicación e en librarías. A venda na web funciona moi ben. O segredo está nas tendas da Catedral de Compostela, onde se expón, e polas que pasan cada ano cinco millóns de visitantes. “Por iso nos chegan pedidos de Tokio, de Alemaña, de California...”. Xa contan cunha distribuidora internacional para atender esta demanda.

“A diferencia desta edición a respecto doutras de Rosalía”, explica Teófilo, “está no formato e na presentación. Son todo detalles. Mesmo recuperamos unha fotografía familiar de Rosalía e Murguía e virámola a cor, iso nunca se fixo. Tamén incluímos a caligrafía da autora, a súa firma. Están as follas, eses estampados... En canto a presentación, en ‘packaging’, tamén é novidade. Nós temos certa experiencia nisto. E ademais quero avanzar que xa estamos preparando unha edición da obra en prosa de Rosalía”.

A arte da guerra

Teófilo lembra algúns dos seus éxitos editoriais recentes, como o libro sobre John Lennon, “Imagine This. Creciendo con mi hermano John Lennon por Julia Baird”, que se presentou como “a verdadeira historia da nenez de John Lennon” contada pola súa irmá e na que contaron para a súa promoción co cantante Javier Gurruchaga. Tamén o da edición de “A arte da guerra”, en galego e en chino, por un encargo de Xulio Ríos, do Observatorio de Política China. “Feita en bambú e con punzóns, segundo o xeito tradicional da edición china”, conta Teófilo, “e en Pekín e causou tanta admiración que a describiron como a mellor edición feita fóra de Pekín”.

O editor sente orgullo polas súas obras, como bo artesán. Como o sente xa polo estoxo que contén unha parte de Rosalía. Son a súa achega ao coidado, o respecto e a transmisión da tradición. “Son libros para os sentido, para tocar, para sentilos tamén coas mans”, resume.

Te puede interesar