DOCUMENTAL SOBRE PEDAGOXÍA

Tita, o belo relato dunha vida adicada á ensinanza

photo_camera Fotograma do documental sobre Antía Cal, referente da pedagoxía en Galicia.

Dirixido por Miguel Piñeiro, sintetiza vida da mestra orixinaria de Muras (Lugo) e como escribiu unha enciclopedia para ós seus alumnos e que non chegou a ser publicada.

"O neno, a primeira mestra que ten é a súa nai". Cunha frase dunha fermosura sobresaínte comeza o trailer dun documental sobre Antía Cal, un dos referentes da pedagoxía galega dende mediados do século pasado e que aos seus 92 anos verá plasmado no cine a súa apaixoante historia.

"Tita: A palabra xusta", dirixido por Miguel Piñeiro, sintetiza en apenas 75 minutos cunha fermosa e coidada montaxe a vida da mestra nacida na Habana (retornou con nove anos) pero de familia orixinaria de Muras (Lugo), como escribiu unha enciclopedia para ós seus alumnos e que non chegou a ser publicada, as súas orixes e tamén a historia de amor que viviu co seu esposo, o tamén recoñecido Antón Beiras, oftalmólogo que morreu con 52 anos pero cunha impresionante bagaxe, con 43 publicacións e nove patentes internacionais.

Sobre esa enciclopedia escolar  de 400 páxinas que permaneceu oculta durante case 60 anos e que o director da peza audiovisual recuperou e transcribiu comenta que "foi un libro premiado en Caracas pero que por diversos motivos ó final non foi publicado. Estaba orientada para formar integralmente os nenos nos primeiros anos de escola. Tiña algúns detalles especiais como que estaba escrita en galego ou que recoñecía que España vivía nunha dictadura. Ó final por uns motivos ou outros a obra non foi publicada pero nós recuperámola e por medio da Deputación de Lugo será publicada o próximo mes de xaneiro".

En canto a vida de Antía Cal, Piñeiro mostra a súa admiración pola "súa loita para que os nenos fosen a escola antes dos sete anos. Tita é unha mestra con tres titulacións e nun dos viaxes que fixo co seu marido a Xenebra a finais dos 50 descubriu a pedagoxía. Ese foi o seu revulsivo. A partires dese intre, comeza a traballar cos nenos e convírtese nun referente da nova educación" cunhas ideas revolucionarias para o seu tempo e incluso transgresoras no día de hoxe.

Agora, coa montaxe da peza audiovisual rematada, o obxectivo da productora e chegar "ós cines galegos polo menos durante algún tempo e xa no mes de febreiro. Tamén estamos interesados en estar presentes nos centros educativos galegos", destaca Piñeiro.

A historia de Tita, un relato de sacrificio e paixón pola ensinanza, narrado en primeira persoa e coa sabiduría que dan máis de 50 anos adicando a súa vida a formar ós homes e mulleres do futuro, un exemplo a seguir e un espello no que buscar un reflexo.n

Te puede interesar