¡Buone visioni!

Welcome to the jungle

 A realidade segue a superar con creces a ficción. Tiger King de Netflix foi a docuserie máis vista no 2020.

O mundo bizarro e salvaxe de Joe Exotic regresa ás pantallas. A realidade segue a superar con creces a ficción. Tiger King de Netflix foi a docuserie máis vista no 2020. Cautivou aos espectadores de todo o mundo–34 millóns só nos EEUU-. Os directores Rebecca Chaiklin e Eric Goode estrearon unha xanela sobre o mundo dos propietarios de grandes felinos e animais exóticos nos Estados Unidos. Un universo surrealista que ten a súa base en Wynnewood, Oklahoma. Un zoolóxico privado dirixido polo cantante country, expolicía, histriónico presentador de televisión e aspirante a gobernador, Joe Exotic. Un episodio tras outro, a serie Tiger King ensinounos a súa feira de excentricidades, un desfile de personaxes grotescos e narcisitas involucrados en situacións amorais. Cada episodio, unha viaxe hortera ata o abismo do ser humano. Ao final da primeira tempada da serie, o seu protagonista remata na cadea. Tiña 17 cargos por maltrato animal e outros dous por contratar a un asasino a soldo: o Rei Tigre quería matar a Carol Baskin, archienimiga e suposta defensora de felinos. Pero, como todas as cousas “malas”, Tiger King tamén viña cun compoñente adictivo...

Agora Netflix estrea a segunda tempada. Unha secuela de 5 episodios co intento de repetir o éxito da anterior. A pesar de ter a Joe Exotic na gaiola e imaxes inéditas de Carol Baskin, a serie comeza forte. Uns fieis seguidores de Joe –moitos deles movidos polo éxito da serie- únense a través das redes sociais. Comezan unha campaña para pedir o indulto de Joe Exotic ó presidente Donald Trump. A protesta en Washington pola liberdade do Rei Tigre, coincide co asalto ao Capitolio.

A realidade segue a desafiar a ficción. O día despois, as cornas do chamán de QAnon están nas primeiras páxinas dos xornais de todo o mundo. Pero o indulto de Joe Exotic rematará-como case totalidade das promesas do expresidente-no aire. Despois deste momento explosivo, nos seguintes episodios, a miniserie estáncase un pouco. De todo xeito, segue disparando algún cartucho sobre o pasado de Joe Exotic. Como cando, por exemplo, desvela que traballou de xefe de policía dunha vila de Texas: de día patrullaba as rúas, e de noite facía de stripper nas festas organizadas polo alcalde. Pero sobre todo, Tiger King 2 abre unha subtrama sobre a desaparición do exmarido millonario de Carol Baskin. Alí, a miniserie intenta poñerse seria, abrazando o xénero de moda nas series de agora: o True Crime. Un xénero que, no universo estrafalario de Tiger King, acaba collendo os rasgos dunha investigación un tanto confusa.

Xa é noticia que CBS está a desenvolver unha serie de ficción sobre Joe Exotic baixo a dirección de Dan Lagana, con Nicolas Cage como protagonista. Aínda non sabemos se a nova ficción estará á altura desta surrealidade. Pero queda claro que os grandes perxudicados en Tiger King foron os animais. A necesaria cola final da tempada 2 é quizais o momento máis revelador. Nesta xungla supostamente civilizada, os humanos poden chegar a ser máis irracionais, perigosos e crueis que as bestas máis salvaxes imaxinadas polo ser humano.


Galegos aos Goya


Hai 9 nominacións galegas ós Premios Goya. Javier Gutiérrez é candidato a Mellor Actor por La Hija e Luis Tosar, na mesma categoría, polo seu papel en Maixabel. Celso Bugallo, optará a un Goya por Mellor Actor de Reparto polo filme El buen patrónd de Fernando León de Aranoa mentres o ourensán Chechu Salgado por Las leyes de la frontera é candidato a mellor actor revelación. Na animación optan ao premio Valentina de Chelo Loureiro e The monkey de Xosé Zapata. Zeltia Montes ten unha nominación pola Mellor Música mentres o filme Tres ten dúas: Mellor Guión e Mellor Son. Os gañadores daranse a coñecer o próximo 12 de febreiro no Palau de lles Arts de Valencia.

Te puede interesar
Más en Sociedad